A sociedade creada por Batán, Enríquez e Pedreira sentou historia
08 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A IX Xuntanza Empresarial da Asociación de Empresarios de Deza, que terá lugar o próximo 22 de novembro en Bendoiro, servirá para recoñecer tamén a traxectoria empresarial de Canteras del Arenal. Un proxecto que ten o seu inicio nos anos 60, que foi medrando paseniñamente e que está agora en mans dunha nova xeración familiar.
O lalinense Román Pedreira, un dos tres piares desta iniciativa empresarial xunto aos seus cuñados Eugenio Batán e Amado Enríquez, lembra os comezos e a traxectoria de Canteras del Arenal, «cando xa meu sogro e os seus fillos estaban arrancando pedra alí. Logo viñeron dous cuñados, Amado e Eugenio, que foron os que realmente lle deron pé ao proxecto da canteira. Comezaron a mercar maquinaria, da que se carecía: unha primeira machacadora, e a partir de aí a cousa foi a maiores. Eu entrei con eles en sociedade no ano 1974, cando xa tiñan en marcha dúas canteiras: a de Lalín, e tamén a do Carrio. A historia de Canteras del Arenal iniciouse dese xeito». Comezos nos que se apostou por mercar as primeiras cribas e machacadoras, clasificar os materiais que se extraían, e cada ano facendo fronte a inversións de máis material para poñerse ao día. «Está claro que se te quedas parado, e non invistes e quedas co de sempre, non vas a ningunha parte», exclama Román Pedreira.
O radio de acción de Canteras del Arenal naquel momento era bastante limitado, comenta, pero a produción tampouco era moitísima. «Traballábase a nivel Lalín, e tamén polos concellos limítrofes aos que lles vendíamos material. Eran anos en que había outras canteiras funcionando por Silleda, Bandeira e Rodeiro polo que elas tamén daban resposta á demanda que se xeraba. Nós onde máis presenza tiñamos era no municipio de Lalín, pola zona de Vilatuxe, Laro, e tamén nos concellos de á beira como Rodeiro, Dozón ou Agolada».
Coa apertura da sociedade formada por Eugenio Batán, Amado Enríquez e Román Pedreira no 1974 ábrese unha nova etapa marcada pola expansión. Crecemento que se materializou coa adquisición no 1986 da canteira de Melide, considerada na actualidade como a xoia da coroa pola extracción de anfibolita, «un material cunha altísima demanda en toda España, pero que tamén se está vendendo para México e Nova Zelanda, e a nivel de toda Galicia. Nas outras canteiras non tiñamos calidade para poder competir, pero nesta en concreto coa anfibolita, cambia a cousa». Un material que escasea, cunha dureza especial e desgaste nas estradas insuperable, nun contexto de solicitude de materiais resistentes «sendo poucas as canteiras que o teñan, e a maioría non están preparadas para exportar ou producir grandes cantidades, por iso dicía que temos unha auténtica xoia», afirma Pedreira.
Tres socios valentes e emprendedores, en tempos difíciles
«A metade dos bancos de Lalín sostivémolos nós pagando intereses e comisións», apunta Pedreira lembrando aqueles primeiros anos da posta en marcha da sociedade xunto aos seus cuñados Amado Enríquez e Eugenio Batán. Unha aposta decidida que lles resultou positiva «e iso que nós non tiñamos a preparación dos novos que están agora á fronte do negocio, pero posiblemente fósemos máis valentes ao non saber de números nin doutras cousas, pero fomos á aventura e saíunos ben. Só pensabamos en producir e nada máis». Unha historia de vida que será agora recoñecida.