Visitaron o colexio Nosa Señora da Antiga en Monforte e o santuario de As Ermidas
07 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Cincuenta e dous veciños pertencentes as parroquias de Rodeiro, que rexe no espiritual o sacerdote e vicearcipreste de Deza, Alvito García Fente, realizaron o pasado martes a súa tradicional excursión anual, visitando nesta ocasión os concellos galegos de O Bolo e Monforte de Lemos.
Dende Rodeiro un autobús de Autocares Presas, levou aos participantes ata a municipio ourensán de O Bolo, para visitar o célebre santuario barroco de As Ermidas, construído no lugar da aparición da Nai de Deus desta advocación, a primeiros do século XVIII, baixando a pé dende a estrada nacional, por un senlleiro Vía Crucis con imaxes, tamén do mesmo século XVIII, considerado único en Galicia.
Xa no interior do templo, logo dunha misa solemne que oficiou o referido sacerdote Alvito García Fente, cos curas encargados deste santuario mariano, os cambotes percorreron o conxunto relixioso, parándose a ollar con detalle fermosos retablos e imaxes que neles se veneran, mercar obxectos piadosos, posar diante do cruceiro do adro e fotografar esta marabilla da arte relixiosa galega enclavada a orelas do río Bibei, que aquí ofrece impresionantes vistas.
Logo de xantar nun acreditado restaurante a pé da estrada que vai de A Rúa a A Gudiña, co panorama da vila de O Bolo e a súa torre medieval no horizonte, emprenderon viaxe a Monforte de Lemos, visitando nesta cidade, o Colexio Nosa Señora da Antiga, conxunto relixioso de estilo herreriano construído o mais del no século XVI, no que estudaron algúns paisanos dezaos, entre eles o insigne Matemático Rodríguez. No que se ten polo Escorial Galego, paráronse a contemplar a monumental escaleira, a pinacoteca na que poden ollarse dous cadros de El Greco, a grandiosa igrexa e o seu notable retablo con imaxes de mérito obra de Francisco de Moure, célebre escultor e arquitecto galego, con ascendencia na parroquia lalinense de Anzo.
A tal extremo chegou a satisfacción dos participantes nesta excursión, que algúns xa pensan en volver con mais vagar na compaña das súas familias e aproveitar para visitar o túnel romano de Montefurado, a igrexa románica de San Clodio de Ribas de Sil e outros monumentos e paisaxes das ribeiras do Sil e os seus afluentes, que nesta leda xornada non houbo tempo para ver.