A pequena romaría que foi grande en Santa María de Alemparte

daniel gonzález alén LALÍN

RODEIRO

Manolo Seixas "Bernabé"

Hai cen anos estiveron na parroquia membros do Seminario de Estudos Galegos

01 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Pouco queda da noutro tempo concorrida romaría da Santa María en Alemparte, a que acudían os devotos para pedir e agradecer os favores a Nai de Deus, nomeadamente os que padecían da varíola ou vexigas (varicela, en castelán), daquela enfermidade infecciosa moi común, chegados os mais deles das terras de Lalín, Rodeiro e Dozón. Malia todo a vintena de habitantes desta pequena parroquia lalinense, tentan manter a tradición cunha festa relixiosa, con misa e procesión, que logo ten sesión vermú no campo da festa e xantar nas casas coma remate da celebración da patroa da parroquia, a Santa María Virxe.

Este ano, encheuse a igrexa na misa solemne oficiada polo vicearcipreste de Deza, Alvito García Fente, que leva esta parroquia e a de Pedroso de Rodeiro, da que é anexo. Ao remate, tivo lugar a procesión ata o cruceiro coa imaxe da Virxe mentres estoupaban os foguetes e soaba a música sacra que poñía nos altofalantes o animador das pequenas festas de Deza, Pachi Show, que xa empatou coa sesión vermú.

Na igrexa parroquial, que é barroca do século XVIII, chama a atención un escudo co relevo dun oso empolicado nun érbedo, símbolo do mosteiro de Oseira, que tamén campa na veciña capela do Santo Domingo en Dozón e na igrexa da Corna en Piñor, territorios que foron dominio xunto con outros da Galicia central, dos frades cistercienses que aínda moran no cenobio ourensán. Da mesma época son a maior parte das imaxes en madeira de boas dimensións que se gardan nos fermosos retablos barrocos repletos de anxos, deste amplo templo e mesmo algunhas góticas.

O SEG e a súa visita

Vai para cen anos, visitaron a parroquia membros do Seminario de Estudos Galegos, tomando notas e facendo fotos da igrexa e das construcións populares. Diante da igrexa retratáronse o erudito Filgueira Valverde e o sacerdote Xesús Carro, xunto a outros membros do SEG, con algúns veciños da zona. Logo de ollar a foto que garda o arquivo do Museo de Pontevedra, sen outra indicación ca de Terras de Deza, localizamos a igrexa e o lugar e coa axuda dos irmáns Elena e Manuel García Cuñarro, veciños de Alemparte, procedemos identificar a varios dos paisanos que aparecen retratados, entre eles a nai destes informantes, Defina Cuñarro e o seu pai, Emilio Cuñarro Seco, que se cubre con sombreiro de palla no centro da foto; o escultor-canteiro Vidal Payo e o seu pai o señor Xabiel na ringleira de abaixo; o comerciante lalinense Jesús Torres e o seu irmán Manuel, que están a esquerda da foto; o señor Manuel da Julia coas mans cruzadas e o seu irmán, Julio, que está o seu lado. Tamén están, varios membros da familia Calviño e a señor María de Barbeitos, e outros que os lectores poden axudar a identificar, todos eles xa finados.

Das fotos feitas polo SEG, tamén se garda unha da imaxe do San Bernardo no retablo da igrexa e dun balcón de madeira que agora é de ferro, nunha casa no medio da aldea, na que tamén se pode ollar un sepulcro medieval saído da primitiva igrexa parroquial.

Da historia e do patrimonio da parroquia xa temos publicado noutras ocasións, a última versando sobre a ara romana que serve de mesado no cruceiro procesional e dos notables canteiros desta parroquia, que deixaron moitas mostras do seu extraordinario labor, en artísticos hórreos e outras construción populares da comarca dezá e na vella escola construída coa axuda dos veciños e os emigrantes en Cuba e inaugurada en 1928, que agora é centro social da parroquia.

Aquí naceu Perfecto Lorenzo Calviño O comunista de Alemparte (1918-2001), que deixou escrito un libro coas seus «pasos pola vida», que tralo seu pasamento na Coruña, repousa no camposanto parroquial.