![](https://img.lavdg.com/sc/fh8X5kJMptU53hr2NbzLzNuOo88=/480x/2024/02/10/00121707563641944835398/Foto/DF11C2F1_12131.jpg)
Nicolás Varela recompila nunha guía apiarios tradicionais
11 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Partindo do material aportado por investigadores, das andainas realizadas por el mesmo pola zona e da colaboración «inestimable» do apicultor David Liñares, o lalinense Nicolás Varela comezou a recompilar información sobre apiarios da zona co gallo de editar unha guía sobre algúns dos máis significativos que se conservan na actualidade.
Alvarizas Terra de Pontevedra Norte é o título deste traballo resultante de meses de traballo de campo, según comenta o autor. «O prantexamento de facer a guía foi do GDR, pareceume interesante e pasei os meses de xullo, agosto e setembro buscando as alvarizas, fotografando e xeolocalizando todas e cada unha delas». En total cincuenta colmenares atopados nos concellos de Lalín, Silleda, Forcarei, Dozón e Rodeiro; todas orientadas ao sur e «cunha particularidade común, que están construídas na proximidade dalgún curso de auga», explica Varela. Unhas edificacións, xeralmente de pedra e usadas para a cría da abella tradicional, cuxa conservación é deficiente. «A maioría son de propiedade particular, non se lles está dando uso, e están en estado de abandono pero en todos os casos paga a pena visitalas». Precisamente para facilitar o acceso ás cincuenta alvarizas que figuran na guía, todas elas se presentan co seu grao de accesibilidade, coordenadas mapas, estado de conservación e se están con actividade.
A ampla maioría das alvarizas catalogadas por Nicolás Varela, e que se poden visualizar en www.ponorte.com/alvarizas, contan con muros de maior ou menor altura; «dous metros aproximadamente, e levantados coa técnica de pedra seca (declarada Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO), que é a que se usaba tamén para facer os valos antigos». Peches perimetrais de pedra que se levantaron para protexer os paneis de mel dos osos, «eu penso que era máis polo roubo a mans de persoas xa que os últimos osos están datados a finais do XIX e hai alvarizas en Parada (Silleda) do 1928. A máis vella está en Lamasgalán de Arriba, en Aciveiro, e según me informou o presidente da comunidade de montes e tamén apicultor, podería ser do século XIII». Para Nicolás Varela aí en Aciveiro, en altitude, está a «catedral das alvarizas»; unha das máis fermosas de todas as que foi catalogando ao longo do pasado verán, que está ben conservada «aínda que de difícil acceso», remarca.
Convida Varela a que se visite tamén este importante patrimonio que está esparexido polos nosos concellos; «as alvarizas dan proba da gran industria apícola que tivemos en tempos pasados, e da que pouco se coñece. Sería preciso trazar máis rutas para visitalas, e por suposto ser moi respectuosos con todas elas como con calquera outro resto patrimonial», comenta.