Volve a Espetada Musical, con galas rechamangueiras, á Praza do Siñor Afranio de Silleda
SILLEDA
A Espetada Musical, un evento feito por e para a veciñanza de Silleda, volta a andar por segundo ano consecutivo; con data de celebración fixada para o 5 de xullo. Trátase dunha proposta festeira ideada por SIC Iniciativas Culturais, en colaboración co Concello de Silleda, a Fundación Semana Verde Galicia e os veciños do Barrio das Baratas, no que se mestura o ambiente festivo cunha espetada variada acompañada de cócteles estivais, tanto para adultos como para as crianzas; con e sen alcol, bingo musical e todo elo coa asistencia dos veciños ataviados coas súas galas máis rechamangueiras.
A Espetada comezará ás 20 horas na conxunción da Praza do Siñor Afranio e a rúa Cartaxena, a carón dos xardíns en fronte ao concello, onde se poderá compartir a merencea coas variadas brochetas que se servirán, e para as que será preciso mercar as correspondentes tarxetas no propio lugar da festa, ao igual que para as bebidas. Posteriormente chegará o bingo musical, un dos pratos fortes da noite, xa que a diferenza dun xogo convencional, aquí soarán de maneira aleatoria 90 cancións populares e festeiras, temas moi populares e que os participantes e asistentes terán que ir adiviñando e marcando nos seus cartóns.
O nivel de dificultade do bingo musical subirá un chisco nesta segunda edición, anuncia a organización, xa que ademais de bailar e pasalo ben, para levarse os premios haberá que espremer un pouco os miolos. Os que canten dobre liña e bingo serán agasallados con premios, pero non así os que asistan coas súas vestimentas máis rechamangueiras, aínda que os organizadores desta Espetada Musical convidan aos asistentes a darlles unhas voltas aos armarios para facerse coas prendas máis chamativas que seguramente permanecen gardadas.