Saídres celebra un século de festas

David Cofán Mazás
David cofán LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

cedida

A parroquia de Silleda festexa o San Xoán cunha homenaxe ao primeiro programa que se conserva, de 1925, no que figura a Banda de Merza, que repite cen anos despois

21 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta fin de semana Saídres está de festa. Celebran o San Xoán e San Antonio, patrón e santo querido da parroquia silledense. Unha tradición que hoxe sabemos que, polo menos, é centenaria grazas ao traballo da comisión de festas, que rescatou do esquecemento o primeiro cartel co programa das festas que se recorda, o cal data de 1925. Un século festa que, no fondo, trátase dunha demostración de supervivencia da vida no rural.

Ángel Castro, presidente da comisión, explica que é o documento máis antigo que se conserva do San Xoán de Saídres. «Non foi un achado espontáneo, sabiamos da existencia deste cartel, que levaba colgado no centro social dende facía anos, pero non reparabamos nel. Fai dous anos caemos en que no 2025 cumpríanse cen e propuxemos facer unha festa máis grande», explica.

Segundo lembra, o programa conservábase na casa de Salgueiro. «Tíñano eles gardado, era unha casa na que vivía o señor Manolo, que facía partillas e moitos documentos antigos. Era a persoa lida da parroquia», chancea.

O programa das festas parroquiais de 1925 alumea algúns misterios que nin os veciños son quen de descifrar. O primeiro é a virxe á que están dedicadas, a do Carme. «Ese é o punto que máis nos custa entender, tampouco é que aquí sexa unha virxe que teña moita devoción, como si ten o San Antonio de Padua aínda que non sexa patrón. O Carme, se a tiña, perdeuse», explica Ángel.

Se cadra unha pista desta elección atopámola no pé de páxina, onde unha nota fai referencia a quen financiou a celebración: «Estas fiestas serán costeadas por los vecinos de esta parroquia y además por los hijos de Saídres en Buenos Aires». En pleno bum da emigración galega a América, non sería estraño que por chegar a bo porto despois de tan longa travesía, os emigrados da parroquia decidiran render homenaxe á patroa dos mariñeiros. «É unha bonita teoría, pero non sabemos se é certa», subliña.

Todo un orgullo

Outro misterio é data, xa que nese 1925 celebrouse tralo San Xoán, o 27 e 28 de xuño. «A festa de Saídres sempre é o fin de semana máis preto ao día 24, por iso paréceme pouco probable que o conmemoraran tres días despois», matina Ángel. Sexa como for, o certo é que non é a primeira festa que se fixo na parroquia, pero si a máis antiga da que se ten constancia.

Ademais das misas e os fogos de artificio, esas «Grandes fiestas religiosas en Saídres» contaban coa música da Banda de Merza, que actuaba en ambas xornadas. Un século despois a formación de Vila de Cruces repite na festa, o que constata a boa saúde do rural dezá. «É un orgullo para todos, facíanos moita ilusión porque é algo que demostra que Saídres segue vivo cen anos despois, e a banda tamén. É unha maneira de dicirlle aos antepasados que cen anos despois aquí seguimos, a parroquia unida e celebrando», asegura Ángel Castro.

A comisión, encabezada por el e formada por Elena Areán, Gonzalo Filloy e Roi Areán, aproveitou os cartos que sobraron da pasada edición para facer unha festa máis grande. «Economicamente custa o dobre que unha normal, fixemos un esforzo con moita ilusión. Intentamos montar algo diferente presentando o novo cartel co de fai cen anos», sinala.

A cita festiva arrinca hoxe ás 12.30 horas coa misa solemne e unha sesión vermú coa charanga Ardores e Xirandola. Á noite volve a charanga nunha verbena co dúo En clave de ti e o DJ Calwin. Mañá domingo a misa será ás 13.00, despois actuará a Artística de Merza, que tamén repite pola noite acompañando ao dúo Punto Zero nun concerto centenario.