Roi Casal inicia a xira galega do seu traballo con Neira Vilas, con presentación en Cruces en agosto
VILA DE CRUCES

Presentou o disco en Santiago con presenza do alcalde de Cruces
17 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Voz de Roi Casal e letra do escritor Xosé Neira Vilas. Iso é Son galego, son cubano, un proxecto musical que o artista estreou o pasado 27 de maio en La Habana e co que agora iniciará un xira por Galicia e fóra dela. Será o próximo día 26 de xuño en Ourense e, despois, xa están confirmados concertos en Cambados (4 de agosto), Vila de Cruces (6 de agosto), Moaña (12 de agosto), Ferrol (25 de agosto), Tomiño (27 de agosto) e Lugo (3 de outubro). Ademais, en novembro, actuará en Las Palmas de Gran Canaria e Tenerife.
Roi Casal, que onte presentou a xira en Santiago, estará acompañado por dez músicos e tres parellas de bailaríns. Ademais, durante as actuacións, tamén se recordará ao autor de Memorias dun neno labrego. O artista destacou que con Son galego, son cubano se pode descubrir a aportación dos emigrantes a Galicia «en momentos nos que aquí había escuridade». Afirmou que a xira será de moitos concertos non só por toda Galicia, senón tamén fóra, como puntos de Canarias ou en Suíza.
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que participou na presentación destacou que este disco «fixa un lazo ítima entre Cuba e Galicia, faise Galicia non só nas catro provincias, senón tamén onde hai un galego». Pola súa banda, o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Xosé Luís Reimóndez, apuntou que Neira Vilas estaba «entusiasmado» con este traballo, indicando que nestes concertos estará a voz do escritor de Vila de Cruces modulada por Roi Casal. Hai que lembrar que neste traballo colaboraron Pablo Milanés e Laritza Bacallao. No acto de onte no auditorio Neira Vilas tamén participou o alcalde cruceño, Jesús Otero.