Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«O poeta que baila», do instituto de Cruces, premio da Xunta á innovación educativa

Javier Benito
javier benito LALÍN / LA VOZ

VILA DE CRUCES

Cedida

O proxecto aborda o vínculo coa música da obra literaria de Delgado Gurriarán

25 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Formación Profesional acaban de resolver a convocatoria de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística durante o curso 2021-2022 e un dos cinco premios foi acadado polo instituto Marco do Camballón de Vila de Cruces. O seu Clube da Lingua, xunto co IES do Milladoiro de Ames, puxo en marcha a iniciativa O poeta que baila, para afondar no vínculo coa música que ten a obra literaria do escritor valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, a quen estivo dedicado este ano o Día das Letras Galegas. O galardón está dotado con 2.000 euros.

No proxecto gañador hai unha fusión de baile, música, literatura e lingua arredor da obra de Florencio Delgado Gurriarán. Entre as propostas figurou a gravación dun videoclip coa participación de vinte estudantes e docentes do instituto cruceño xunto ao músico Xabier Díaz, onde houbo protagonismo para o poema Pandeirada do escritor ourensá. Neste texto fala de pandeiros, pandeiretas e tamén dos adufes, que son instrumentos tradicionais de orixe mourisca.

Houbo, ademais do videoclip, a gravación do tema musical nun estudo. No caso das imaxes, a dirección audiovisual estivo a cargo dunha ex alumna, Nerea Fiúza. No caso do instituto de Milladoiro o seu traballo estivo centrado en analizar os ritmos latinos e a súa presenza na obra de Florencio Delgado.

Os outros proxectos de innovación educativo que obtiveron tamén premio da Xunta foron Polo río vai e vén, un traballo conxunto dos institutos de Ponte Caldelas e Soutomaior; RT, do IES Rego de Trabe de Culleredo; Arrólame, paseniño, arrólame un pouquiño, do CEIP Plurilingüe Barrié de la Maza de Santa Comba; e O galego é música, do Conservatorio de Música Profesional Xan Viaño de Ferrol.

Segundo galardón do ano

Neste 2022 o instituto Marco do Camballón xa obtivo outro prestixioso recoñecemento, neste caso o premio Antonio Fraguas para o seu proxecto Ao son da oralidade , tamén xunto o IES de Milladoiro. Unha iniciativa centrada na oralidade de dous territorios moi próximos, nun viaxe no tempo dende a Prehistoria ata a actualidade, vinculada tamén ao patrimonio e dende diferentes disciplinas.