No rural de Vila de Cruces tamén se baila

Comisión de festas de Camanzo e San Ramón de Gres

VILA DE CRUCES

21 nov 2024 . Actualizado a las 19:33 h.

A miúdo os nosos gobernantes éncheselles a boca falando do rural e mais cando se achegan as datas nas cales os veciños das diferentes parroquias collen de súpeto una importancia que durante catro anos parecen non ter.

E mais que habitual velos dicirnos que nas aldeas é onde se garda o sentir de Galicia, agasallarnos os ouvidos con frases rimbombantes acerca de que somos os que facemos que Galicia conserve o mellor da súa cultura, e a verdade é que neso teñen razón, pero cando chega a hora de potenciar ese ruralismo do que tanto falan, esquecen os bos desexos e acaban por esquecer esa adoración por toda a actividade que se faga nas parroquias.

Isto esta a pasar agora en Vila de Cruces, un concello rural feito polas xentes das súas parroquias que conta cun casco urbano pequeno pero cun dinamismo comercial que supera en moito a calquera dos outros pobos que conforman este pequeno recuncho do interior galego. Dende fai moito anos, dende o Concello habilitábase unha liña de axudas para que as comisións de festas das diferentes parroquias do concello puidesen celebrar o seu santo patrón e facer a mellores festas posibles. Con toda lóxica, esa axuda non era nin moito menos o groso dos custes dos festexos, e si se levaban a cabo era porque os veciños achegaban coas súas cotas e co seu traballo atendendo o chigre, vendendo lotaría, ou mesmo facendo mais actividades ao longo do ano para recadar, os fondos necesarios para que por un día os veciños se sentisen máis orgullosos se cabe do seu pobo, e xa non solo gozar do baile, senón incluso sentir que a súa parroquia tiña a vida de antano ao encherse de veciños que por circunstancias están fora pero que chamados pola festa se achegan de novo a casa. O Concello poñía con esa axudiña un gran de área para que todo isto fose posible, e era de agradecer, xa que como calquera comisión sabe, entre permisos, bombas, misas, electricidade, e a musica, os gastos sempre suman, e calquera achega sempre é benvida.

Este ano, todo cambiou, o Concello nunha decisión que parece feita para acabar coas festas nas nosas parroquias e aldeas, decidiu que toda axuda se debía eliminar e investir todo nas festas patronais do Concello, A Piedade, onde, e sen animo de quitarlles nada aos nosos veciños do casco urbano, é moito mais sinxelo recadar fondos debido o seu dinamismo, e dende logo moito máis fácil ter festas, debido a que xa de por si o numero de veciños é maior. Simplemente non entendemos dende as comisións do rural esta decisión, non sabemos como todos os fondos que concello de Vila de Cruces ten para festexos se dedican a Piedade, e deixan desprovisto dunha mínima axuda a aqueles que seguimos crendo no noso rural e no seu dereito tamén a bailar e divertirse. Por iso dende as Comisións de Festas de Camanzo e San Ramón de Gres, queremos facer un chamamento a outras parroquias do rural cruceño para poder debater entre todos que decisións podemos tomar para acabar con este desprezo, e deixamos un telefono de contacto (666 485 307 Inma) para ver de tomar algunha acción conxunta que lles faga ver os nosos gobernantes locais, que no rural, tamén se baila.