Despedida musical para Pusiano, alma máter da Banda Artística de Merza

Rocío Perez Ramos
R. Ramos LALÍN / LA VOZ

VILA DE CRUCES

cedida

A súa morte deixa orfos a xeracións de músicos cos que compartiu vivencias

27 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Iglesias Cao, coñecido por todos como Pusiano, levaba a música no corazón. Onte os seis compañeiros da Banda Artística de Merza acompañaron o seu cadaleito ata a igrexa parroquial onde ás 16.30 horas tivo lugar o seu funeral e en cuxo camposanto descansa dende onte. A súa morte, aos 82 anos, colleu de sorpresa a xeracións de membros da banda que o tiveron como compañeiro. Onte lembraban que tocou a tuba máis de 60 anos na formación do que foi o decano moitos anos.

Era, comentaban, como un avó para todos, especialmente para os máis novos dos que sempre estaba pendente e os que guiaba con agarimo pero tamén con disciplina. No 2018, xa retirado por un problema de saúde que lle impedira tocar no derradeiro ano, a Banda o nomeaba Presidente de Honra.

Un título moi merecido pola súa dedicación durante toda unha vida nunha formación da que formaron parte e aínda están moitos dos seus familiares. O seu fillo foi tamén músico da banda, neste caso como trompetista, e na Artística seguen a tocar varios dos seus sobriños e algún outro familiar.

Pusiano entrou na banda de adolescente e con ela viviu un milleiro de experiencias. Con motivo do seu nomeamento como Presidente de Honra a banda organizou unha comida cos veciños e un concerto a cargo de veteranos da prestixiosa banda dezá. Aquel día, un 16 de xuño de 2018, lle foi entregada unha placa por parte de Francisco Fernández, presidente da banda.

Onte a gran familia da banda, despedía a un gran home, un gran músico e un gran veciño que se fixo querer e que deixa orfo de avó musical a moitas xeracións que creceron ao seu carón formando parte da Banda Artística de Merza para a que era todo un emblema.