Modelos diferentes

Alfredo García PRESIDENTE DA FEGAMP

ECONOMÍA

25 feb 2019 . Actualizado a las 13:47 h.

Desde a Fegamp non entramos a valorar o modelo que elixe cada concello para a prestación de servizos. Ademais non hai un modelo único, nin tampouco hai un partido político que teña un modelo establecido. Sen ir máis lonxe, na Fegamp están representados todos os partidos que gobernan e ningún ten estandarizado un modelo. Hai exemplos para todo: concellos nos que goberna a mesma opción política e teñen modelos distintos e todo o contrario, partidos de distinto signo político que están a empregar o mesmo modelo de xestión de servizos.

En xeral, hai servizos nos que parece máis lóxico que sexan prestados a través de persoal municipal -como por exemplo o servizo de axuda no fogar (SAF)-, pero iso non quita que haxa concellos que presten este servizo a través dunha empresa privada e que lles vaia ben co servizo prestado de forma externa. Por iso, desde a Fegamp estamos de acordo con que cada concello elixa en cada momento o que máis lle conveña baixo a súa propia casuística e as súas necesidades; isto é, que se atenda a diversa realidade do ámbito da xestión local.

O que parece estar claro é que por enriba do debate da forma de xestión dun determinado servizo público debe estar o debate do que quere a nosa veciñanza sobre os servizos que xestionamos, e iso debe ser no que nos debemos centrar os que temos a responsabilidade de facelo no ámbito municipal. Escoitalos a eles.

Isto, en resumo, non é máis que ofrecerlle á nosa cidadanía a prestación dos servizos municipais cos máximos estándares de calidade posibles e dunha forma eficaz.