Francisco Conde: «Alcoa non dependerá só da eólica; o Goberno debe regular o prezo da luz»
ECONOMÍA

O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía reclama reactivar a produción de aluminio en San Cibrao antes do 2024
09 ene 2022 . Actualizado a las 21:57 h.O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, analiza a situación en Alcoa San Cibrao, logo de que os traballadores aceptasen a proposta da multinacional, que pasa por parar a produción de aluminio primario durante dous anos —2022 e 2023— a condición de manter o emprego ata o 2026.
—Tras un longo conflito laboral, nestes días estanse a apagar as cubas de electrólise do complexo industrial, o punto no que Alcoa insistiu desde o principio. A multinacional condicionou seguir en San Cibrao ao cese produtivo. Cre que se abre en verdade un novo escenario de futuro ou que a empresa cumpriu o obxectivo?
—Eu creo que máis que un novo escenario realmente temos a constatación de que nin Alcoa nin o Goberno asumiron o obxectivo de partida, manter a produción de aluminio primario en España, especialmente no tocante ao traballo que era necesario para consolidar o elemento catalizador do proxecto, que é a enerxía, o prezo da luz. O acordo que asinaron os traballadores coa multinacional pon de manifesto que o problema real para a fabricación deste metal é que non hai un prezo da electricidade competitivo en España.
—Falouse dunha venda, mesmo da intervención pública da planta. Por que se chegou ao punto de ter que parar as cubas?
—Nós non podemos aceptar este peche. É un paso atrás no obxectivo de que se siga producindo aluminio primario na Mariña. A explicación de por que estamos neste punto está centrada en que o Goberno foi incapaz durante dous anos de garantir un prezo eléctrico competitivo en igualdade de condicións con respecto a outros países europeos. Non pedimos nada excepcional ao Executivo, nada que non estean a facer outros Estados de Europa. Carecer dese marco é un fracaso da política enerxética, lastra as posibilidades industriais de Galicia e derivou no apagado da electrólise. Nós esiximos ao Goberno unha rectificación.
—Alude á desigualdade de condicións respecto ao marco enerxético. Só é cara a luz en España?
—O prezo de mercado da electricidade en España para a industria electrointensiva, a 30 de decembro do 2021, era de 112 euros o MWh, por 62 euros en Francia e case 97 en Alemaña. Ese prezo podería substituírse por un acordo de subministro de electricidade de enerxías renovables, unha PPA de enerxía, e é posible traballar cos promotores eólicos para que Alcoa poida ter unha tarifa duns 35 euros/MWh. Pero non será só unha PPA a solución. Ademais dese prezo de mercado, inflúen no importe final custos regulados, impostos, compensacións por CO2 ou a retribución polo servizo de xestión da demanda. Todos eses elementos fan que o custo final en España sexa de 120 euros/MWh, mentres que en Francia se reduce a 50 e en Alemaña a menos de 84. Por iso insistimos en que hai que incluír no debate este punto, e cremos que ten que ser o Ministerio de Transición Ecolóxica quen tome as rendas, porque non é o de Industria quen ten a capacidade para establecer o marco enerxético.
—Que medidas reclama?
—Os mecanismos de regulación do prezo da enerxía que xa se establecen noutros países: contías dedicadas aos mecanismos de compensación de CO2, ás peaxes de transporte que teñen que aboar as empresas electrointensivas, ou ás subastas de interrompibilidade que se están a facer en Alemaña ou Francia, mentres que aquí están paralizadas.
—Hai sentenzas do TSXG e do Tribunal Supremo que acreditan «mala fe» de Alcoa durante o período de consultas do ERE. Os traballadores pediron ás Administracións que asinasen tamén o acordo. Que garantías hai de que se cumpra o pactado?
—Hai unha mesa de seguimento na que nós expuxemos a nosa desconfianza. É indubidable que Alcoa ten que clarificar cales son as súas prioridades e o seu compromiso con respecto a Galicia: non só coa fábrica de aluminio, senón tamén coa refinería de alúmina e así mesmo coa resolución do conflito de Alu Ibérica. Nós non cremos que haxa que agardar a 2024 para volver a arrancar as cubas, esa debe ser unha data de máximos: axilizar as negociacións para adiantar o reinicio da actividade é perfectamente posible, coas dúas partes da solución: PPA e un marco enerxético de acompañamento. Comezar a producir aluminio primario antes dese prazo sería a mellor garantía e daría tranquilidade ao persoal. En todo caso, hai unha serie de compromisos que a multinacional vai avalar desde o punto de vista financeiro. O comité de empresa ten un papel importante para revisar que se cumpre o comprometido en canto a investimentos e emprego, e ímolo acompañar nesa tarefa. Pero o certo é que o gran aspecto que está fóra do que son as certezas é que pasos vai dar o Goberno para establecer un marco eléctrico competitivo.
—Cal vai ser a achega da Xunta para que se obteñan esas PPA?
—Alcoa precisa de 400 MW de potencia instalada. Boa parte deses MW terían que vir de novos proxectos eólicos. Na parte das PPA, nós temos un papel moi importante no tocante á tramitación dos parques eólicos de menos de 50 MW; o resto son tarefa do Goberno. As empresas terán acordos con Alcoa na medida na que se poidan desenvolver estes proxectos de renovables. Alcoa acadou preacordos con firmas e nós imos identificar a viabilidade destes parques. Hai que ser claros: cada proxecto tramitarase caso a caso e deberá cumprir con todos os requisitos que establece a normativa. De ser autorizables, é precisa axilidade.
—E no tocante a axudas para os investimentos acordados?
—Desde o punto de vista dos fondos que estamos a manexar, vinculados á eficiencia enerxética e tamén a proxectos de innovación, expuxemos a nosa implicación cos investimentos que se poidan desenvolver, e pedímoslle ao Goberno que no tocante ao ámbito industrial, onde o Executivo ten o 100 % dos fondos Next Generation, estableza liñas específicas para a industria electrointensiva.
—Un dos factores relevantes a resolver para o futuro do complexo industrial de San Cibrao é o da balsa de lamas, un elemento sobre o que a Xunta ten moito que dicir. En que punto está a tramitación da ampliación do depósito?
—Está en tramitación e por suposto teremos que avaliar se o proxecto cumpre todos os requisitos. Nós expuxemos un compromiso de colaboración con Alcoa, pero pedímoslle que se comprometa coa súa presenza industrial total en Galicia.
«Esperamos que Altri comunique nas próximas semanas onde se vai a ubicar»
Conde atribúe ao Goberno central a perda de tecido industrial en Galicia e tamén na Mariña, que vén de padecer dous golpes industriais co peche da fábrica de Vestas en Viveiro e co apagado da electrólise de San Cibrao.
—Por que pechan empresas en Galicia e na Mariña Lucense?
—A situación de desmantelamento industrial en Galicia e acusadamente na Mariña ten que ver cunha crise enerxética sen precedentes. O proceso de transición ecolóxica, tal e como o está enfocando o Goberno, lévanos á perda de competitividade das empresas polo prezo inasumible da enerxía —que afecta a familias, autónomos e empresas— e tamén a unha perda de confianza por parte dos investidores na política do Executivo central. As cubas de San Cibrao páranse por unha cuestión puramente enerxética, non industrial. Os traballadores de Vestas non comprenden por que pecha unha empresa que fabrica compoñentes para eólicos nun contexto favorable ás renovables.
—Como se vai responder a esa desindustrialización?
—Penso que todos coincidimos en que o mellor plan industrial para A Mariña sería que o Goberno garanta ese prezo eléctrico competitivo que dea viabilidade á planta de aluminio para que volva a unha certa normalidade. Estamos a tempo de corrixir a política enerxética, para que dea cobertura ás necesidades do país.
—Falouse moito da fábrica de tecidos de Altri, cun investimento estimado de 800 millóns e 1.500 postos de traballo directos.
—A Mariña é un claro exemplo de xestión eficiente desde o punto de vista forestal, e aí ten un sector que pode ser de futuro no contexto de descarbonización da economía. Que Galicia poida ter unha fábrica de fibras téxtiles sostibles é unha oportunidade: significa abrir un novo ciclo da madeira cun produto de alto valor engadido. Levamos tempo traballando neste proxecto, temos identificado un investidor, como Altri, e pedímoslle que que ese proxecto se desenvolva na provincia de Lugo, porque precisa de investimentos e desde o punto de vista forestal cumpre con todas as condicións.
—Cando se coñecerá o emprazamento?
—Cónstanos que Altri está analizando as diferentes ubicacións tendo en conta tamén este criterio. A empresa está a facer un traballo técnico para identificar a localización idónea para o proxecto produtivo. Esperamos poder coñecer a súa decisión nas próximas semanas.