
A sentenza do Tribunal Supremo do día de onte vén de despexar, dun xeito que xa parece definitivo, a continuidade da fábrica de Ence nos terreos de dominio público marítimo terrestre de Lourizán. Non cabe senón felicitar a toda a plantilla, especialmente aos comités de empresa, que nunca baixaron os brazos ante os continuos reveses, e que en boa medida souberon gañarse un gran apoio social en Pontevedra e comarca, onde nunca lles faltaron mostras de apoio e simpatía pola súa causa. Defendendo que era difícil imaxinar un destino máis lóxico, nin tampouco máis social, a unhas 17 hectáreas dun terreo público, que ser soporte de 400 empregos directos, e case que 5.100 indirectos en toda Galicia. Toda vez que hai décadas que o proceso produtivo de Ence mudou cara a produción de pasta ECF, ou libre de efluentes, e se someteu a monitorización ambiental continua, impulsada polo mercado e pola lexislación da UE.
No que atinxe á propiedade forestal, a permanencia dunha fábrica de proximidade, con capacidade para transformar o 20 % da madeira producida en Galicia, apuntala o valor do prezo da madeira ao propietario. Garante actividade no medio rural, nos postos de traballo vencellados ao monte, aos aproveitamentos forestais, produción de planta e mellora e mantemento das plantacións, e tamén na prevención de incendios. Pois non esquezamos que pese ás posverdades caídas sobre os eucalyptus, os datos son tozudos: de cada 100 hectáreas que arden en Galicia nas últimas dúas décadas, 88 non son desta especie. Sendo ademais un feito que é a que máis CO2 capta.
Dous millóns de toneladas de madeira producida nos nosos montes van poder ser transformadas en Galicia, deixando aquí o emprego, o valor engadido e as cotizacións sociais. Despéxase a posibilidade de repensar e plantexar proxectos industriais que poderán dar máis valor engadido e máis empregos á transformación da nosa madeira, nun momento moi interesante pola dispoñibilidade de fondos Next Generation para investimentos innovadores en áreas da economía circular e da descarbonización, aspectos ambos intrínsecos da actividade forestal e da transformación da madeira.
Non queda senón felicitar a todas as familias que viñan dependendo para o seu sustento da permanencia da fábrica en Lourizán, que tanta incerteza pasaron, tanto os traballadores directos como as empresas de mantemento, subministros e servizos, transportistas, porto de Marín e autónomos, e recoller a palabra dada onte pola empresa, por medio do seu presidente, Ignacio de Colmenares, quen prometía profundizar nos compromisos sociais e medioambientais, e tendía a man aos colectivos que viñan sendo máis belixerantes coa presenza da fábrica en Lourizán. Para iniciar así un novo tempo de diálogo e de entendemento dentro dun marco construtivo cara o futuro. Con 60 anos por diante despexados para traballar, e polo ben de todos, desexamos que así sexa.