Navantia pon ao fronte da división no Reino Unido ao director de Tecnoloxía e Estratexia en España

F. F. FERROL

ECONOMÍA

Navantia

Donato Martínez encargarase de pilotar o desenvolvemento dun plan de inversión de 136,5 millóns de euros para os catro asteleiros de Harland & Wolff, en Irlanda do Norte

17 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Donato Martínez Pérez de Rojas é o novo director executivo de Navantia UK, a división da empresa pública española no Reino Unido trala compra, fai uns meses, dos asteleiros irlandeses Harland & Wolff, que construíron o mítico Titanic.

O nomeamento fíxose público o pasado xoves. Donato Martínez era dende fai un ano director de Tecnoloxía e Estratexia da compañía naval en España e, como tal, o encargado de liderar o desenvolvemento tecnolóxico da empresa. Ademais, formaba parte do comité executivo global da compañía española. De feito, segundo Navantia, Pérez de Rojas foi o encargado de liderar o proceso de adquisición dos catro asteleiros británicos e o desenvolvemento do plan de negocio de Navantia UK.

Donato Martínez sucede no cargo a Juan Ignacio de la Cueva, que pilotou a integración dos asteleiros de Irlanda do Norte no grupo.

«Estoy encantado de asumir las riendas de Navantia UK en este emocionante momento. Nuestra visión para Navantia UK es establecer una capacidad de defensa y energía de primer nivel que contribuya significativamente a la base industrial del Reino Unido», declarou. Destacou tamén que «al transferir la experiencia global, los sistemas digitales y la tecnología de construcción naval de Navantia, estamos creando empleos sostenibles y altamente cualificados y construyendo cadenas de suministro resilientes en todo el país».

Navantia UK ten xa en marcha un programa de inversión de 115 millóns de libras (136,5 millóns de euros) nos seus catro asteleiros de Belfast, Appledore, Arnish e Methil, que suman un milleiro de traballadores, cunha parte significativa adicada á «importante recapitalización» da factoría de Belfast.

Alan Massey, presidente non executivo de Navantia UK, destacou que a formación técnica de Donato Martínez, a súa experiencia en transformación dixital e a súa experiencia na operación de filiais de Navantia en mercados internacionais «lo posicionan como el candidato ideal para liderar la siguiente fase de crecimiento y desarrollo de Navantia UK».