
Crónica | Ingreso na Real Academia Galega O historiador e presidente do Consello da Cultura Galega elexiu o paraninfo da Universidade, unha vezmáis
24 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.O historiador Ramón Villares Paz (Cazás-Xermade, 1951) ingresou na Real Academia Galega cun discurso e nun lugar tan acaídos como simbólicos. O discurso, Fuga e retorno de Adrián Solovio. Sobre a educación sentimental dun intelectual galeguista , en homenaxe a don Ramón Otero Pedrayo e á xeración Nós; e o espazo, o Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia, porque foi onde deu o seu último discurso o patriarca das letras galegas, e porque sen dúbida este centro universitario, ligado a súa traxectoria vital e profesional dende que entrou nela a estudar a carreira e na que é catedrático, tamén ten que ver coa súa educación sentimental como intelectual. Villares, que foi reitor da USC e que dende o pasado verán é presidente do Consello da Cultura Galega, completa co seu ingreso como académico de número as trinta cadeiras activas da RAG. Ocupa a vacante que deixou Ogando Vázquez hai un ano, e que antes ocuparon Bouza Brey e Pérez Contanti. O discurso do novo académico é un ensaio que percorre as claves do personaxe da novela de Otero Pedrayo Arredor de si , o Adrián Solovio a traveso do que Pedrayo reconstrúe a súa biografía e o seu particular regreso a Ítaca. Contestoulle en nome da Academia Víctor Fernández Freixanes nun acto que por riba do cerimonial e o boato reuniu, a parte de persoeiros e autoridades, a amigos, familiares e persoas que realizaron ou compartiron con Ramón Villares máis dunha travesía de compromiso.