Un proxecto do IES Xunqueira II permite redescubrir a historia de Pontevedra e facer deporte a un tempo
EDUCACIÓN
O alumnado deste instituto crea rutas de orientación pola cidade que permiten coñecer os monumentos, os cruceiros, os escudos ou o rueiro da vila
03 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Coñecer a historia da súa contorna, practicar actividade física e, de paso, traballar competencias como o cálculo, a orientación, a lectura de mapas, a redacción ou os idiomas. Isto que parece case imposible lógrano no IES Xunqueira II de Pontevedra coas actividades que o seu alumnado realiza nas horas de Proxecto Competencial, mentres outros estudantes cursan a materia de Relixión.
A idea xurdiu do departamento de Educación Física, e vai xa polo seu segundo ano, con moi boa acollida entre os rapaces. «Partimos do deporte de orientación para estudar a historia da vila de Pontevedra. Escollen certos puntos de interese, recompilan información sobre eles e elaboran un percorrido. En cada punto deseñamos unha ficha e unhas preguntas, accesibles a través dun código QR, de xeito que os participantes na ruta poidan verificar que a completaron respondendo a esas preguntas», resume José Antonio Ricoy, un dos profesores.
«Nós facemos unha ruta cicloturística polos cruceiros de Pontevedra», conta unha alumna de 3.º da ESO. «Por parellas escollemos dous e fixemos unha ficha coa súa historia», aclara a compañeira sentada ao seu carón, mentres manexa o Google Earth para localizar un dos que escolleron. «Traballan con programas de edición de textos, fotografía e vídeo, e tamén fan un uso educativo do móbil. Xa que son unha xeración dixital, queremos que teña un valor pedagóxico», explica Adrián Fernández, outro dos profesores. Se en terceiro traballan sobre os cruceiros, en 1.º da ESO a xincana percorre os monumentos máis importantes de Pontevedra; en 2.º traballan co rueiro e os nomes dos barrios; e en 4.ª a ruta indaga nos escudos que poden verse pola cidade.
«As primeiras veces que saímos vimos que os rapaces non coñecían realmente a cidade, a pesar de que viven nela. Non sabían onde estaban moitas cousas. Así que comezamos por que coñezan o espazo no que viven», comenta María del Pilar López, tamén profesora de Educación Física. «Redescobren a historia da súa vila, moitas veces tamén coa axuda das familias, porque lles pedimos que pregunten na casa, para facer que a actividade sexa interxeracional», engade Adrián.
Rutas saudables
María del Pilar que outro obxectivo era ver se a ruta deseñada podía ser sostible e saudable. «Tivemos a idea de que foran contando os pasos que daban na procura dos distintos puntos, para logo ver se o percorrido cumpría coas recomendacións da OMS sobre actividade física diaria recomendada». Os roteiros a pé son de entre 6 e 8 quilómetros. Os deseñados para facer en bicicleta poden acadar os 20.
O propio alumnado debe facer todo. Elixir os puntos de interese, facer a información e as preguntas sobre cada un, elaborar a ruta e os seus perfís, tirar as fotografías, crear o folleto e o mapa... Os textos mesmo se traducen a outros idiomas con axuda dos departamentos das distintas linguas.
Ao final do curso, o propio alumnado do centro realiza as xincanas, en modo competición. Pero non foron os únicos en poñelos a proba. «O ano pasado, mentres o faciamos, atopamos a uns turistas de Andalucía. Interesáronse pola actividade e lles regalamos un dos mapas. Fixeron a ruta e quedaron encantados», afirma José Antonio Ricoy.