Comeza o curso. Como cada ano discútese de números, ratios, porcentaxes, produtividades, orzamentos. Uns, a consellería, defenden os seus; outros, anpas, sindicatos e profesorado en xeral, destacan as eivas e insuficiencias. Xaora que son importantes os números pero non serven para todo; expresar e debater a educación como contabilidade deixa fóra demasiados aspectos cualitativos, e desvíanos da paideia como proceso social de crianza e transmisión de valores e saberes.
Falando de números, temos que preguntarnos por que nas titulacións universitarias máis demandadas segue habendo tanta limitación de acceso como no tempo da crise. Se temos recursos para a matrícula gratis en primeiro, por que non para amecer máis prazas. Preguntémonos por que Galicia ten unha soa facultade de Medicina, anomalía evidente nos sistemas universitarios autonómicos que non está en relación coa poboación, co número de universidades do SUG, nin se compadece coa crecente demanda de médicos. Galicia ten a facultade máis grande do Estado e posiblemente a menos doada de xestionar.
Nas ensinanzas non universitarias, seguindo cos números, temos que preguntarnos por que aumentan cada ano as prazas da formación profesional privada e non as da pública, nunha negativa deriva que se estende por España adiante. Pero hai asuntos tan ou máis importantes que non teñen expresión contable, nin poden reducirse a mera contabilidade orzamentaria, nin resolverse só con recursos económicos. Son tantos que só cabe, neste curto espazo, unha breve enumeración incompleta; aí vai.
O modelo da selectividade debe mudar para converterse na proba de madurez que avalíe as capacidades de quen, despois da formación secundaria e o bacharelato, quere acceder á universidade. Pensada para superar vellas reválidas, acabou convertida nun complexo filtro de vocacións, que comeza nun bacharelato organizado de forma finalista para o funil da PAU, capaz de entolear a educadores, educandos e familias un ano enteiro. Máis doado de corrixir son os longos horarios: continuados, absurdos, antipedagóxicos; concibidos como se a organización do tempo e da vida non formara parte da educación da xente nova, non están pensados para eles e elas. O exceso de materias vai parello dos largos currículos de cada unha. Seguindo unha vella práctica, quere incluírse na educación toda nova necesidade social —ou ocorrencia ilustrada—, no século XIX agricultura, no XX educación viaria, no XXI o Excel. A inadecuación na aprendizaxe de linguas —plenas de gramática e listaxes de autores— non é asunto menor cando a mocidade ten destrezas co inglés inimaxinadas hai trinta anos; tampouco fomos quen aínda de activar a vantaxe dunha doada aprendizaxe do portugués. Catro linguas na man.
Os comedores escolares desapareceron ou son mantidos como poden por pais, nais e concellos. O transporte escolar —auténtica educación vial—, desaparece a prol dos autos particulares. Ir a pé ou en bici é unha excentricidade de holandeses e os autobuses que máis coñecen nas cidades son os amarelos das películas. A educación son coñecementos, valores, criterio, cultura científica e humana, capacidade lectora, testas amobladas para a vida en liberdade e convivencia. Con matemáticas xaora.