Pasar da educación primaria á secundaria

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

EDUCACIÓN

merce ares

15 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Comunidade Autónoma de Madrid ven de anunciar que varios dos actuais colexios de educación infantil e primaria (CEIP) e tódolos que se constrúan a partir de agora impartirán tamén o primeiro ciclo da ESO, pasando a denominarse CEIPSO. Exactamente o contrario do que tivemos que facer nós a finais do século XX en aplicación da LOXSE (1990), lei da que continúa en vigor a ordenación xeral do sistema educativo. 

Creábase a ESO, para alumnos de 12 a 16 e, xa que logo, os de 7º e 8º da vella EXB pasaban a constituír o primeiro ciclo desta etapa, que ten que ser impartida por profesores de secundaria. Por esta razón houbo que elaborar en Galicia un novo e complexo mapa escolar, que deu lugar a unha grande conflitividade, sobre todo porque moitos alcaldes do rural opoñíanse a que eses alumnos de 7º e 8º tivesen que se desprazar a vilas ou cidades.

Unha das solucións a este problema foi a creación dos CPI (centro público integrado), nos que se imparten, xuntas, as tres etapas de infantil, primaria e ESO, modelo adoptado logo por varias comunidades autónomas. Por que o Goberno de Madrid pretende agora separar os dous ciclos desta etapa, en contra do establecido no Real Decreto 132/2010? Cremos que para intentar solucionar os moitos problemas educativos e de convivencia que se están a dar nos institutos cos alumnos de 1º e 2º, ocasionados polo cambio de etapa educativa.

Pasar de primaria a secundaria é complexo, non só pola entrada dos alumnos na adolescencia senón, sobre todo, polas relacións destes cos profesores, polos cambios metodolóxicos e mesmo polo clima institucional xeral. En primaria hai un currículo máis integrado, un seguimento máis directo do alumno, maior relación dos pais cos mestres e coidado moi estreito coa atención á diversidade, coa orientación e coa convivencia, aspectos estes esenciais na secundaria.

Pero aínda non se conseguiu unha boa coordinación entre os docentes das dúas etapas. Os funcionarios do corpo de profesores de secundaria, grupo A1, pertencen a unha categoría administrativa superior á dos mestres, grupo A2. Isto supuxo desde sempre unha barreira para a coordinación, e provocou que os colexios e os institutos fosen compartimentos estancos. Mais hoxe os títulos de ámbolos dous profesionais teñen a mesma categoría, grao universitario de 4 anos, e non debería tardar en equipararse tamén o grupo de funcionarios. Por outra parte, os profesores de secundaria teñen que cursar un máster dun ano en educación, que lles debe dar unha maior capacitación pedagóxica, xa inherente aos mestres.