
Hai alumnos que van avanzando como poden polas etapas do sistema educativo, ata que acaban por abandonar os estudos e nalgúns casos, dada a actual falta de nivel, chegan incluso a obter titulacións, pero con graves deficiencias formativas. Son síntomas xeneralizados, mesmo na universidade, a falta de capacidade lectora e a pouca afección á mesma; a pobre expresión oral ou escrita; a escaseza de vocabulario; a dificultade para resumir, analizar, razoar ou relacionar; os excesivos erros ortográficos...
A causa principal deste fracaso atópase na incapacidade do estudante para comprender o que le ou escoita, ou ben para expresar con corrección, a nivel escrito ou oral, o que sabe ou o que quere dicir. Estas competencias son a base de toda aprendizaxe e teñen unha importancia decisiva no desenvolvemento intelectual posterior da persoa. O alumno que chega a dominalas non terá problema para acadar o éxito. A actividade esencial, ao longo de toda a educación primaria, para conseguir boa comprensión e expresión, é a lectura. Os nenos deben ler moito e ben, así como gozar lendo, para que ao final desta etapa sexan capaces de facelo con corrección e axilidade e teñan hábito lector.
Tamén ao final da primaria, os alumnos teñen que ser capaces de expresarse ben, tanto a nivel escrito coma oral, con claridade, orde e boa redacción e ortografía. O vocabulario está no fondo de tódalas actividades escolares e, se o rapaz non entende o que debe aprender, memoriza de xeito literal textos que axiña esquece. Lectura, expresión e vocabulario son tres piares inseparables e imprescindibles para un traballo intelectual eficaz.
Ensinar a ler, escribir e falar con corrección require paciencia e constancia na clase, moi difíciles de levar á práctica no marco do actual currículo oficial e da consecuente organización das actividades na aula. Hai excesiva rixidez horaria e programas demasiado cargados, cos que se pretende abranguer moito, pero ao final, como di o refrán, apértase pouco. Saben moi ben os mestres que hai alumnos que, para acadar unha boa comprensión e expresión, necesitan moito tempo e acougo nos exercicios de lectura, escritura e conversa. Mentres non dominen ben estas capacidades, non se lles debe esixir o estudo de materias de marcado carácter conceptual, pois reséntese a comprensión, as aprendizaxes son mecánicas e memorísticas e, como consecuencia, o estudante acaba por lle coller aversión ao estudo.