Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Alfonso Rueda, presidente da Xunta e do PP de Galicia: «Eleccións? Vou esperar o que pase en España para ver como dar certezas a Galicia»

ELECCIONES 23J

XOAN A. SOLER

«Os galegos sabemos que non estamos sendo ben tratados», subliña

25 jul 2023 . Actualizado a las 11:33 h.

O presidente da Xunta e do PP de Galicia, Alfonso Rueda (Pontevedra, 1968), deu a entrevista tras entregar as medallas de Galicia a Juan Pardo, Luz Casal e Carlos Núñez. Falou no seu despacho de traballo na residencia de Monte Pío, a menos de 24 horas de que as elección xerais deixaran un escenario de difícil gobernabilidade.

—O 23X deixa sabor agridoce?

—Agridoce, porque todos esperabamos un resultado mellor a nivel estatal, pero contento polo resultado en Galicia. Gañamos claramente ao final, porque hai unha diferenza importante e pode aumentar polo voto exterior, pero en Galicia é abafante. Polo tanto, moi contento co resultado en Galicia e tivérame gustado que en España fora mellor como estou seguro de que lle gustaría ao presidente Feijoo.

—A que atribúe a diferenza?

—Penso que calou a mensaxe, porque é absolutamente real, da discriminación de Galicia. Levo ano e medio esperando a que Sánchez dera unha boa noticia en Galicia porque significaría que conseguimos algo do que estabamos pedindo. Non foi así e a xente deuse conta dese maltrato constante que ten consecuencias electorais. A xente agradece e valora a estabilidade, que nos dediquemos a gobernar e as certezas das que nos ocupamos no día a día. E inflúe que quen se presentaba [Feijoo] é perfectamente coñecido polos galegos que o valoraban e o seguen valorando.

—Que faltou para ter un resultado como o do ano 2011?

—O resultado a nivel nacional foi moito mellor que o que houbo onte, e iso trasladouse a Galicia. Pero comparado co resultado sideral do 2011, o que obtivemos aseméllase moito. Nos quedamos a pouco de ter o deputado número 14. Un pouco máis de apoio en Pontevedra nolo tivera dado.

—Con sumar os votos de Vox nesa provincia chegaría.

—Unha vez máis confírmase que a chamada ao voto útil é necesaria. Vox non tiña nada en Galicia e volveu ter nada. Igual pasou nas municipais, onde nos privou de gobernar en moitos concellos nos que non tiveron concelleiros. Todos os votos que foron a Vox onte foron inútiles e, de ter ido ao PP, teríamos máis deputados que neste escenario nacional serían moito máis útiles.

—Co resultado de onte entendería que se cuestione a Feijoo?

—Para valorar estas cousas é moi útil facer o exercicio contrario. Que diría o PSOE se tivera esa diferenza de votos e escanos con respecto ao PP? Se tivera gañado en 40 provincias, ou se alcanzara resultados tan espectaculares como o de Galicia? Estaría dicindo que non cabe outra cousa que un Goberno do Partido Socialista. Cando Feijoo reivindica o seu dereito a gobernar tras gañar claramente, faime graza que o PSOE diga que non é iso o que hai que facer. Se estiveran na mesma situación dirían que só teñen dereito a gobernar eles.

—Como ve que o Goberno poida depender de Carles Puigdemont, un señor en busca e captura?

—O país volvería a estar nunha situación moi complexa, a expensas dun señor que está en Waterloo en busca e captura, que ten o historial que ten e que despois de dicir todo o que ten dito sobre España pode decidir o seu goberno. O que necesita España é o que temos en Galicia: certezas e estabilidade. Pero se depende de Pedro Sánchez, iso volverá quedar aprazado por partidos que lle van subir máis e máis o custe da hipoteca.

—De repetirse as xerais, fará ao mesmo tempo as autonómicas?

—Eu tomo moi en serio o que dixo Feijoo de formar goberno, imos ver que pasa. Hai un panorama tan complicado que hai que ver o que pasa en España para ver que pasa en Galicia. E insisto no que xa dixen, son eleccións diferentes e, se unhas condicionaran a outras de forma directa, sería mellor telas convocado cando Pedro Sánchez. A extrapolación do resultado de onte dábanos maioría absoluta, pero eu non xogo ao vantaxismo. Non tocaban eleccións neste momento. Poño en valor a estabilidade e a certeza, que é o que a xente aprecia en nós. Non quero ocultar que a situación de España nos condiciona, é unha España desordenada a Galicia vaille afectar negativamente. Por iso imos esperar, pero a miña idea é que quedan cousas por facer.

—Ou sexa, decidirao no momento?

—Sempre dixen que o meu obxectivo é seguir gobernando. España está nunha situación de incertidume total. Estou seguro de que os presidentes autonómicos que teñen que facer eleccións están pensando no mesmo que eu: como afecta isto á súa comunidade. É fundamental que poidamos planificar, e para iso fan falla certezas. Vou esperar ao que pase en España para ver como dar certezas a Galicia. O panorama incerto complica todo, por iso espero que se aclare canto antes.

—Sen Feijoo na Moncloa, o BNG sen ser chave e o PSdeG á baixa. ¿Perdeu onte Galicia unha oportunidade de ter peso no Estado?

—Eu non renuncio a que Feijoo sexa presidente e, co apoio que lle demos, Galicia será esixente. Se non é presidente, vou seguir insistindo en que atendan as nosas prioridades. O que goberne ten que tomar nota do resultado en Galicia, que demostra que os galegos sabemos que non estamos sendo ben tratados. Estamos avaliados fronte a Feijoo se é presidente. E fronte a calquera outro, máis.

—Que aprendeu nesta campaña para as autonómicas.

—Tivemos un partido moi motivado, ata os nosos rivais recoñecen hoxe a capacidade de mobilización do PPdeG. E a humildade é moi importante como demostra o que lle ocorreu ao Bloque. Así que motivación e humildade, e tamén estabilidade e certezas.

«Só Galicia ten un Goberno que non dá problemas e intenta resolver os que hai»

—Do resultado, canto atribúe a estabilidade da que fala?

—Gran parte do resultado é iso. Aparte de que nos sintamos maltratados por Sánchez, a xente compara o que tivemos co Goberno central ou o que pasa en moitas comunidades, incluso onde o presidente é do PP, e ve que aquí hai normalidade e non se perde o tempo. É o noso gran valor e hai que mantelo por riba de todo. Todos puideron ver como tomamos decisións importantes no partido sen perder un minuto do día a día. Só en Galicia hai un Goberno que non causa problemas e intenta resolver os que hai, que é o que quere a xente.

—Se Pedro Sánchez goberna, que papel terá Galicia?

—Eu non quero que nos den a costa de quitarlle a outros. Pero Galicia vai insistir moito e, se goberna, ten que entender que imos ser moito mais reivindicativos. O seu malísimo resultado en Galicia é porque non atendeu ás necesidades de Galicia, a xente percibe cando é así, e reacciona.

—Non lle choca que o Bloque Nacionalista Galego o primeiro que diga é que non vai facer a un galego presidente.

—O Bloque ten un grave problema de xestión de expectativas tras a debacle de onte. Está repetindo o que fixeron no 2019, cando o seu deputado só conseguiu a investidura de Pedro Sánchez. Agora cóntannos o mesmo, que van ser decisivos e todo iso. Ese discurso só tratar de tapar o seu enorme desastre electoral. Falaron de cinco deputados, de ter grupo propio, e teñen un a duras penas.

—Os PSdeG sinala que a esquerda sumou máis porcentaxe de votos que vostedes.

—No 2019 houbo dúas eleccións. Os socialistas gañaron unhas, e as outras quedaron 10.000 votos por debaixo de nós. Agora teñen 220.000 menos que nós. O BNG quedou 550.000 votos por debaixo. Estou encantado de que uns e outros estean contentos co seu resultado, e anímoos a que sigan pensando igual.

—Que aportarán Baltar e Rey no Senado?

—Baltar ten experiencia e pode seguir aportando moito, como demostran os resultados en Ourense e a boa transición que se fixo. Rey aportará a súa visión de alcalde e capacidade de traballo. E tiña interese porque pode facer contactos para traer cousas a Ferrol. Fixemos unha boa elección.