Miguel Anxo Fernández Lores, candidato do BNG en Pontevedra: «A xente de dereitas vótame por unha cuestión práctica: son máis felices así»

ELECCIONES 28M
Este 28 de maio aspira á súa sexta reelección na cidade: «Gaño menos de alcalde que de médico, e non teño máis aspiracións»
12 may 2023 . Actualizado a las 10:09 h.Cando os veciños de Pontevedra elixiron a Miguel Anxo Fernández Lores (Vilalonga, Sanxenxo, 1954) alcalde por primeira vez, o menor dos seus catro fillos tiña 7 anos. Hoxe suma 31. O candidato do BNG en Pontevedra aspira á súa sexta reelección.
—Que parte asumiu na crianza dos fillos e nas tarefas do fogar?
—Aínda que non o pareza, son moi meniñeiro. Agora xa son avó, teño catro netas. Impliqueime sempre na crianza e nas tarefas da casa, sobre todo na cociña, excepto o forno, que non me apaño con el, e a lavadora. A comida diaria cómproa eu. Vou unha ou dúas veces á semana ao supermercado e compro o penso para os cans, papel hixiénico, leite... As cousas máis gordas. E cargo o coche. O resto, no mercado. A compra págoa con tarxeta. O pan afíxenme a pagalo co teléfono móbil, moléstame andar coas moedas.
—Canto tempo pasa co teléfono?
—Teño un Apple deses. Un par de horas ou tres. Mando moitos wasaps ao día. Ás notas de voz non lles collín o punto, eu escribo. Ando algo en Twitter e no Instagram. O Facebook véxoo menos. A última aplicación que descarguei foi unha de deportes, pero non me gusta, paréceme un coñazo. Igual hai que pagar para ter unha que vaia ben, pero eu non son de pagar por iso. O último que fago todas as noites, ademais de poñer o espertador, é ver no teléfono a actividade física que fixen no día.
—Como estandarte dunha cidade peonalizada, deixou o coche?
—Non, non. Gústame moito conducir. Se nunha viaxe podo levar o coche, lévoo sempre. Resúltame comodísimo e sinto que me dá liberdade. Gústame facer roteiros gastronómicos. Logo, nunha cidade como Pontevedra, a maioría dos desprazamentos teñen que facerse andando.
—Vive vostede, como candidato, de rendas?
—Non teño esa percepción, teño proxectos novos. Iso non quita que non estea orgulloso dos que levamos. O secreto é que Pontevedra, en contra do que a xente pensa, é moi dinámica. Hai aquí máis de 50.000 postos de traballo cunha poboación de 80.000. Xeramos unha actividade de emprego moito máis alta que Vigo e, desde logo, que Vilagarcía. O único que podería facernos sombra na provincia sería O Porriño. Gustaríame que se inaugurase a circunvalación; leva proxectada desde o 2004, empezouse no 2015 e aínda non se acabou o primeiro tramo. E recuperar a ría e trasladar Ence.
—A que concello, dos outros 312 que ten Galicia, levaría a Ence?
—Non, non, eu non. Non coñezo a ningún empresario ao que lle digan onde ten que instalarse. A xente busca un polígono industrial. Esta é a única empresa á que o alcalde lle ten que atopar onde poñerse. Esta empresa tiña que buscar unha alternativa no 2018. Estamos no 2023 e aínda non a atopou. Témoslla que buscar os demais. No seu caso, tería que ser un polígono estratéxico. Eu non teño competencias de urbanismo fóra do meu concello. E, en todo caso, tería que aprobalo a Xunta. Hai xente que ten dereito de pernada e fai o que lle dá a gana.
—Por que lle vota a dereita a un militante da UPG?
—Porque hai moita xente na cidade que está de acordo co modelo, independentemente da súa ideoloxía. É por unha cuestión práctica, son máis felices así. Queren unha cidade habitable, pensada para as persoas. Levamos 12 anos sen un morto por atropelo no centro urbano. Estou encantado de que a xente, cando chegan as municipais, aquí vote máis polo BNG. E aspiro a que entenda que isto pode estenderse. O anterior presidente da Xunta marchou a Madrid. Nós só aspiramos a poder gobernar este país.

—Vostede acomodouse á vida municipal para non dar o salto?
—Hai moita máis xente, eu estou encantado aquí. Nacín en Sanxenxo, traballei en Lugo algún tempo de médico, e apostei pola capital das Rías Baixas. Estou namorado de Pontevedra ata as trancas e, se houbese unha cousa máis explícita, estaríao ata aí. O meu sitio está aquí.
—É médico. Canto tempo hai que non ausculta a alguén?
—De cando en vez fágoo. E tomo a tensión na casa. A miña muller é médica tamén, así que falamos de casos de medicina.
—Distingue a gripe do covid?
—Iso é moi difícil, só se fas unha analítica ou unha proba do covid. Teñen síntomas comúns.
—Foi unha vocación de neno?
—Pasei por varias fases. Bombeiro, piloto de avións... Pero cando tiven sentido, a medicina gustoume moito. Son fillo dun labrego que tiña dúas vacas e que malamente subsistía. Estudei sempre con beca-salario. Son un afortunado.
—Gañaría máis cartos como médico ou como político?
—As persoas que se dedican á política deben ter unha asignación que supoña nin perder, respecto ao que gañabas, nin enriquecerse máis do que corresponde. Eu estou por abaixo do que gañaría como médico. Entendo a alcaldía como unha continuidade da medicina primaria. Levo 24 anos de alcalde e estiven 20 de médico. Xa non teño máis aspiracións na vida.
—A súa relación con Deus, como é?
—Pasou por distintas fases. De pequeno fun sancristán, vivía á beira da igrexa e a miña familia tiña moita relación con ela. Logo funme desencantando, cando me dei conta de que o que se predicaba non se facía.
—Como ve a xestación subrogada, os ventres de alugueiro?
—Mal, paréceme unha fórmula de comercializar coa muller, de monetizar algo que non se debe. Hai que buscar outras opcións, coa adopción. Mercantilizar os nenos non me parece nin democrático nin serio nin procedente.