Que faría se fose alcaldesa | Ledicia Costas, escritora: «Traería a Vigo a biblioteca do Estado dunha vez por todas»

J. B. REDACCIÓN / LA VOZ

ELECCIONES 28M

Ledicia Costas
Ledicia Costas MARCOS MÍGUEZ

Un dos seus proxectos estrela sería «conectar Vigo e Nantes, onde naceu Julio Verne»

13 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Ledicia Costas é unha das escritoras de referencia da literatura galega actual, tanto na narrativa infantil como na de adultos. Tamén destaca no eido da poesía, onde recentemente gañou o Premio de Poesía Afundación por Ultraluz. Agora toca poñela como alcaldesa imaxinaria de Vigo, a súa cidade, e falar do que se faría con ela á fronte. «A verdade é que hai materias pendentes no eido cultural que deberían mellorarse», adianta. E presenta a súa primeira medida: «Traería a Vigo a biblioteca do Estado dunha vez por todas, que levamos demandando máis dunha década e nunca se materializa. Ademais, botaría a andar unha rede de bibliotecas culturais en condicións que funcionasen ao xeito do modelo da biblioteca do Calvario, a Neira Vilas».

Como segundo punto do seu programa, Costas miraría á periferia: «Temos un extrarradio rural extraordinario. Eu observo que o campo ás veces queda desatendido. Prestaría atención a esas parroquias periféricas como Bembrive, Beade, Castrelos, Teis... Vigo é mais que o centro urbano, así que actuaría moito nesas áreas».

Ademais de «encher os parques de árbores e facer actividades para os nenos e nenas, mais alá de datas sinaladas como o Nadal ou o Entroido», Ledicia Costas ten un proxecto simbólico estrela: «Vigo é a única cidade que visitou Julio Verne en dúas ocasións. Está chea de pegadas diso, e poderíanse facer cousas lindas nese sentido. No seu día, Domingo Villar dixera que había que facer unha réplica do Nautilus que creara a ficción literaria. Sería unha cousa bonita, pola memoria de Domingo e por esa relación co escritor». Pero a cousa podería ir moito mais alá: «Conectar Vigo e Nantes, onde naceu Verne, que teñen moitísimas cousas en común. Serían cidades irmás».