José Tomé: «Eu nunca conducín un coche oficial nin o usei para temas particulares»

ELECCIONES 28M
«Estou nunha asociación gastronómica e distráiome coa viña», conta o alcalde de Monforte de Lemos
19 may 2023 . Actualizado a las 13:04 h.Secretario xeral do PSOE en Lugo hai un ano e presidente da Deputación dende hai catro, José Tomé (Guitiriz, 1958) vai a polo seu terceiro mandato como alcalde de Monforte de Lemos.
—A que aspiraba cando era neno?
—Tiña moita simpatía polos corpos e forzas de seguridade do Estado. Quería ser policía ou entrar no exército. A vida levoume por outro camiño.
—É profesor de tecnoloxía agraria. Segue habendo alumnos?
—Hai menos. As explotacións que quedan son máis grandes, hai menos poboación no medio rural e tamén nos centros de formación. Hai que ser útiles para que os gandeiros que quedan fagan rendibles as súas explotacións.
—Canto tempo leva sen coller un sacho?
—Pouco. Teño unha pequena viña que utilizo para distraerme e para autoconsumo. Todos os labores fágoos eu: o tratamento, as podas e sachala de vez en cando tamén. Gústame facer de cocinillas. Pertenzo a unha asociación gastronómica, como as que teñen os vascos, que se chama O Tizón. Somos 12 persoas e cada mes facemos unha comida e tócanos cociñar a dous para todos.
—Cal é a súa especialidade?
—Unhas ameixas ou un rape en salsa verde.
—Antes de ser alcalde presidiu a súa comunidade veciñal. Un bo ensaio?
—Non ten moito que ver. Foi nun edificio de 36 vivendas, onde vivo, durante un ano. Aquilo era moito máis doméstico.
—Na fontanería dos partidos hai moitos tubos rotos?
—Noutros partidos non o sei. No PSOE de Lugo agora non, estamos nun bo momento. Imos gañar as eleccións na provincia, revalidar todas as alcaldías e seguiremos á fronte da deputación.
—Fíxolle vostede a cobra a Gonzalo Caballero, apoiando a González Formoso nas primarias?
—Non, non lla fixen. Se eu a Caballero xa non o apoiei nin cando gañou. Fun con Villoslada. Comprometinme a ser leal, é o que hai que facer cun compañeiro despois dunhas eleccións, ata que haxa outras. Cando volveu haber primarias, apoiei a Valentín. Cría que era mellor opción. As feridas das primarias normalmente curan. Pode haber alguén que o toma máis a peito, ou a título persoal. Pero en democracia hai que aceptar os resultados aínda que non nos beneficien.
—Con tanto cargo o seu teléfono ten que botar fume.
—Son moitas chamadas ao día, pero curtas. Úsoo entre dúas e tres horas de media. Son unha persoa moi directa, non me gusta contar unha novela por teléfono. Dou o recado e xa está. Non me dedico a ver aplicacións. A única que utilizo é o WhatsApp e algunhas veces outra para ver o tempo. Nada máis.
—Manda notas de voz?
—Prefiro escribir. Hai persoas que deben crerse que os demais teñen todo o tempo do mundo e mándanche notas de voz de dez minutos. Eu non teño dez minutos para escoitar unha mensaxe. Se resumes as cousas en tres liñas, mellor. Son de sintetizar.
—Ten a tentación de coller o teléfono ao volante?
—Claro, moitas veces. Non hai que enganarse. Ás veces chaman e é complicado non collelo. Intento non facelo.
—A vostede o susto no coche deullo un xabaril.
—Conducía eu, viña no meu coche particular dunha reunión en Chantada cara a Monforte. Foi á altura de Escairón. Saíron un grupo de xabarís e cruzaron a estrada. A un deles foime imposible esquivalo, non me deu tempo a reaccionar. O impacto impresiona. Saltaron todos os airbags e, por sorte, non me pasou nada grave. Só unhas rabuñadas. O coche quedou sinistro total. Ía a unha velocidade reducida, a 80 quilómetros por hora, pero foi un golpe moi grande.

—Os presidentes das deputacións conducen a 215 por hora?
—Iso será na provincia de Ourense. Aquí, en Lugo, non. Cada un que afronte as súas responsabilidades. Ademais, eu nunca conducín un coche oficial. Hai funcionarios destinados para iso. E xamais o utilizo para temas particulares Ese risco non o teño. Desde que eu presido a deputación, iso aquí non se fai.
—Antes de que vostede presidira a institución facíase?
—Nunca me preocupou. Supoño que non pasaba nada raro, pero tampouco podo facer afirmacións de algo que non coñezo.
—Dígame algo que houbera en Monforte cando chegou á alcaldía que lle gustaría inaugurar a vostede.
—Unha potabilizadora moderna de auga por ozono que se fixo nos 12 anos anteriores. Deulle ás familias de Monforte unha auga de moitísima calidade.
—Ten fillos?
—Si, dous fillos e dous netos. Teño cambiado moitos cueiros.
—E regularía a xestación subrogada?
—Estou totalmente en contra. Pode haber algún caso no que unha muller queira ser nai e non poida, pero hoxe a maioría de casos veñen porque o van deixando, chegan a unha idade na que non se atreven e por comodidade prefiren pagar para que outras mulleres con dificultades económicas xesten os seus fillos. É un abuso.
—Ven o Día das Letras Galegas. Canto leva sen ler en galego?
—Xa hai tempo. O último foi Unha xoia para o káiser, de Margarita Rodríguez Otero. Trata dun cadro, A adoración dos reis, de Hugo Van der Goes, que venderon os Escolapios de Monforte, de forma irregular, para facer unha reforma no edificio. Sacárono de noite, ás escuras, en carros ata a estación de Canabal para subilo a un tren e levarllo a Alemaña. Agora está no museo de Berlín e aquí temos unha réplica que nos mandaron os alemáns.
Recibe cada tarde en tu correo la newsletter Elecciones 28M con el adelanto en exclusiva de la encuesta de Sondaxe para La Voz y el resumen diario de la campaña en Galicia. Si todavía no eres suscriptor, suscríbete por solo 2€/mes.