Que faría se fose alcaldesa | María Vázquez, actriz: «Faría máis vivenda social en Santiago e limitaría os prezos no centro»
ELECCIONES 28M

A protagonisa de «Matria» di que «ampliaría os horarios dos autobuses» e «faríaos máis accesibles»
17 may 2023 . Actualizado a las 17:34 h.A actriz María Vázquez atravesa un momento particularmente doce. A súa interpretación de Ramona no filme Matria obtivo o aplauso da crítica e do público. Agora, toca facer outro papel ben diferente: ser por uns minutos a alcaldesa de Santiago, a súa cidade de residencia. No seu programa aparece unha preocupación especial pola mobilidade: «Ampliaría os horarios dos autobuses. Eu, por exemplo, vivo en Casas Novas e aquí pasa cada hora. Para ir á escola cos meus fillos non é operativo. Ademais, faríaos máis accesibles. Se vas en cadeira de rodas, non todos teñen rampla. Xa de paso, faría máis accesible a cidade enteira para ir por ela con plena autonomía».
Outro dos puntos fortes do seu mandato imaxinario encóntrase na vivenda. «É un problema moi difícil de resolver —admite—. Faría máis vivenda social e limitaría os prezos no centro, porque realmente hai moi poucos e son carísimos. A xente ten que marchar. Habería que limitar, sacando axudas a quen os poñan baratos, por exemplo». Xunto a iso, fomentaría a eficiencia enerxética con axudas: «A maioría dos pisos non están ben illados e, coa humidade que hai aquí, fai que se perda moita enerxía».
Tamén hai lugar para a cultura nas liñas de goberno da alcaldesa Vázquez: «Faría unha escola municipal de música, teatro e danza para nenos e adultos que tivese compañía e que fose inclusiva de verdade. Aquí hai cursos, pero non existe algo así municipal, que penso que sería moi positivo para toda a cidadanía». Por último, a actriz fomentaría os cursos de perspectiva de xénero en todas as Administracións locais. «Queda moito por facer. Hai cousas que non se saben e eu creo que así habería máis conciencia», conclúe.