Que faría se fose alcalde | Diego Ameixeiras, escritor: «Apostaría polo modelo sen coches para Ourense»

j.b. REDACCIÓN / LA VOZ

ELECCIONES 28M

«Creo que é moi necesario un plan integral de recuperación do casco histórico», di o autor

18 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

No eido da literatura galega Diego Ameixeiras xa ten demostrado ser unha das figuras mais relevantes do momento. Este mestre da novela negra —como volveu quedar de manifesto en O cervo e a sombra (2021)—, deixa agora a un lado a narrativa e métese no traxe do alcalde de Ourense. Pero aí a primeira idea que lle sae ten que ver directamente cos libros: «Crearía unha verdadeira rede potente de bibliotecas municipais, que haxa unha en cada barrio para o gozo dos veciños. Un modelo como o que hai na Coruña, por exemplo».

Canda iso, Ameixeiras considera que deben equilibrarse os orzamentos para potenciar todo o que ten que ver con servizos sociais: «Hai que insistir nese tipo de políticas para que todos os veciños teñan resoltas as súas necesidades básicas». Se miraba ao norte para o tema das bibliotecas, a ollada baixa ata Pontevedra para a mobilidade: «Apostaría para Ourense polo modelo sen coches como que teñen alí, que sexa unha cidade ao servizo dos peóns e menos dos coches». Facer peonil a rúa do Progreso? «No sei se será posible, pero non estaría mal se o fora», ri.

«Creo que é moi necesario un plan integral de recuperación do casco histórico», engade Ameixeiras. «Nos últimos anos sufriu un baixón considerable, sobre todo a zona que vai dende o Concello ata o Posío. Habería que facer un plan de recuperación do comercio local e dos edificios para revitalizar a zona, que está bastante deixada». Esa medida concreta acompáñase doutra más xeral: «Máis zonas verdes e máis arbores. Creo que, en xeral, hai poucas árbores, sobre todo polos barrios. Tería que facerse unha humanización xeral de ampliar beirarrúas e plantar moitos novos».