Manuel González: «Hai un traballo feito e as melloras son evidentes en moitos ámbitos»

ELECCIONES 28M

O actual rexedor de Outes está desdobrándose nesta campaña para atender o seu labor no Concello e os compromisos electorais
20 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Manuel González é consciente de que a última palabra a teñen os veciños, pero confía en que Compromiso Outes sexa quen de gañar e reforzar a confianza do electorado para seguir á fronte da alcaldía e sacar adiante proxectos iniciados no mandato que está a piques de concluír.
—Hai moita diferenza entre facer campaña estando na alcaldía e na oposición?
—Hai diferenzas, si. O grao de coñecemento é moito maior logo de catro anos responsabilizándonos da xestión municipal. Agora, ademais, no diálogo coa veciñanza hai que dar conta do feito, non só asumir compromisos.
—Hai tempo para todo?
—Tentámolo, pero as axendas complícanse moito estes días. Habitualmente pola mañá dedicámonos a ordenar os asuntos no Concello, e a campaña e os actos céntranse sobre todo pola tarde.
—Os alcaldes que optan á reelección falan de dar continuidade ao seu proxecto, que actuacións lle quedan pendentes ao goberno de Compromiso Outes?
—Evidentemente, aínda que estamos moi satisfeitos co grao de cumprimento do noso programa de goberno, queda aínda moito por facer. Basicamente temos que seguir avanzando en proxectos que xa están iniciados, como é o da aprobación definitiva da modificación do PXOM para dotar ao municipio dunha área industrial, ou continuar coa mellora do sistema de saneamento, en particular no referido ao funcionamento das estacións de bombeo.
—E que novas propostas levan no programa electoral? Hai grandes proxectos estrela?
—As propostas inciden xustamente na continuación deses proxectos que xa temos iniciado nestes catro anos. En calquera caso, por subliñar algún proxecto que consideramos transformador, destacaría a integración do paseo fluvial da Serra de Outes coa trama urbana. Temos catro actuacións previstas, algunha delas xa aprobada e con orzamento, como a renovación da praza do Concello, que van a mellorar o atractivo da capital do municipio. Do mesmo xeito, temos pensado ampliar as prazas que oferta a escola infantil que inauguramos fai uns meses, posto que as trinta coas que conta actualmente xa se quedan curtas e temos lista de agarda. Os servizos de conciliación van seguir sendo unha prioridade para nós, pois é a mellor maneira de fixar poboación nova no noso concello.
—Como afronta a cita coas urnas?
—Ao igual que cando te presentas a un exame, sempre existe algún temor ou preocupación, pero en xeral estamos tranquilos pois efectivamente hai un traballo feito e as melloras son evidentes en moitos ámbitos.
—Cre que a renovación doutros cabezas de lista fai máis incerto o resultado do 28M?
—En realidade, non vexo moitos cambios nas candidaturas ao respecto do que xa había, en calquera caso quen ten a palabra definitiva é o pobo de Outes. Nós agardamos gañar a súa confianza unha vez máis, e a poder ser reforzar a maioría obtida que obtivemos no 2019.
Recibe cada tarde en tu correo la newsletter Elecciones 28M con el adelanto en exclusiva de la encuesta de Sondaxe para La Voz y el resumen diario de la campaña en Galicia. Si todavía no eres suscriptor, suscríbete por solo 2€/mes.