Alberto Varela: «O Salnés é un paraíso, pero damos a imaxe distorsionada polo narcotráfico»

Pablo Carballo
PABLO CARBALLO VILAGARCÍA / LA VOZ

ELECCIONES 28M

Senén Rouco

«Quixen ser xogador profesional de baloncesto, pero non me deu o talento»

23 may 2023 . Actualizado a las 12:41 h.

Foi elixido alcalde no 2015, revalidou o cargo con maioría absoluta catro anos despois e, agora, Alberto Varela Paz (Vilagarcía de Arousa, 1975) aspira a seguir no cargo máis alá do 28 de maio. Tamén preside a Federación Galega de Municipios e Provincias.

—Cantas horas pasa ao teléfono nestes días de campaña?

—Estou pendente os 365 días do ano. Agora increméntase un pouco máis. Xa non son só as chamadas, temos todos tendencia a movernos nas redes sociais para saber o que se di. A verdade é que non mirei as horas que lle dedico e prefiro non sabelo, porque me din que paso demasiado tempo.

—Fai vídeos para o TikTok?

—Ata o TikTok non chega a miña modernidade. Instagram si que teño, pero non lle dou moita utilidade. Uso sobre todo o Twitter. Tamén Facebook, aínda que xa quedou un pouco para a xente maior.

—Canto hai que se baixou unha aplicación no teléfono?

—Hai 15 días. Foi unha para comprobar se funcionaba o sistema de alugueiro de bicicletas que puxemos en marcha.

—Ao traballo vai en coche?

—Vivo preto e intento pasear bastante, tamén é a forma de falar coa xente. Os nenos non se cortan nada, párante todas as veces que faga falta. Teño un coche diésel, pero non o emprego moito, e cando poida tratarei de cambialo por outro máis sostible.

—Chegará o momento da expansión dos coches eléctricos ou acabarán como os vídeos en Beta?

—Estou convencido de que si, o planeta non nos deixa tomar outro tipo de decisións. É certo que teñen que mellorar en autonomía, pero acabaremos vendo moitos máis coches eléctricos que de combustión.

—En que traballou antes de facer carreira política?

—Son avogado. O meu último traballo foi como asesor xurídico de Urbanismo no Concello.

—E recorda o último xuízo ao que acudiu?

—Si que o lembro, foi na quenda de oficio. Un xuízo a unha persoa que entrara a roubar nun coche.

—Que tal lle foi?

—Pois non foi ben. Como anécdota podo dicir, porque non invado a súa privacidade, que a persoa que entrou a roubar deixou a súa carteira no coche, coa súa documentación dentro. Era difícil que non o condenasen.

—Parece un guión de película. Ten vostede plataformas de televisión na casa?

—Si. Netflix, HBO e, como teño nenos pequenos, tamén Disney, que é a que máis se consume.

—Viu a serie de «Narcos»?

—Vin un pouco, pero non acabei a temporada. Adoito velas en parella, e se a un non lle gusta, é difícil continuar.

—E se lle pedisen ser actor na nova temporada de «Fariña»?

—Nunca probei no arte dramático e non creo que o fixese ben. Esa si que a vin, e gustoume, pero estaría ben que fixesen máis series nesta zona sen volver sempre sobre o mesmo tema. É certo que houbo unha xeración que estivo vinculada ao mundo do narcotráfico, pero isto é un paraíso e damos unha imaxe distorsionada do Salnés.

—Vostede coñeceu a xente que vivira do narcotráfico na vila?

—Todos coñecemos a aquel do que se dicía que andaba ou que tiña os fillos metidos. Sabiámolo todos. Logo podía haber algún caso no que non fose certo. Aquí sempre que alguén facía cartos dicíase que andaba en algo raro.

—Séguese dicindo?

—Cambiou completamente. É certo que segue existindo, pero como pasa no resto de España e de Europa. Mudou porque daquela tíñase un respecto inmerecido á xente que facía cartos así. Agora ninguén presumiría diso, creo eu. Por desgraza, houbo unha xeración aquí que padeceu os efectos e moralmente a percepción é outra.

—Falando de cartos, que lle parece que se cuestionen os salarios dos alcaldes?

—Eu gaño un pouco máis como alcalde, pero loxicamente a responsabilidade non ten nada que ver, nin por suposto os horarios. Ese debate que está moi en voga acabaríase se os que opinan pasasen pola política local para coñecer que é o axeitado.

A Alberto Varela gústalle o deporte, especialmente o baloncesto e o pádel, como amosa na imaxe tomada a semana pasada diante do porto, cunha pa e practicando o saque.
A Alberto Varela gústalle o deporte, especialmente o baloncesto e o pádel, como amosa na imaxe tomada a semana pasada diante do porto, cunha pa e practicando o saque. MONICA IRAGO

—Desistiu de que Vilagarcía poida acadar os 50.000 habitantes?

—Non hai que obsesionarse. Agora mesmo o importante é que, mentres outros municipios perden poboación, nós non. É certo que as vilas que non chegamos aos 50.000 temos que dar moitos máis servizos con menos recursos. O sistema de financiamento é así. Prima ás cidades con máis poboación e outros quedamos nunha situación intermedia complicada.

—Do que se atopou cando chegou á alcaldía, que lle gustaría poder inaugurar a vostede?

—Teño que dicir que o meu goberno municipal, aínda que personalicemos no alcalde, non somos moi de inauguracións. Non nos gusta andar poñendo placas coa data na que as cousas abren. Pero, se teño que quedarme con algo, pola súa importancia sería o Hospital do Salnés polo que supuxo na contorna.

—Ten seguro sanitario privado?

—Non.

—E fillos?

—Teño dous.

—Se un deles lle di que quere cambiar de sexo, que faría?

—O que deberiamos facer todos os pais: normalidade e apoio. O raro é que esta pregunta aínda resulte pertinente.

—Cando era vostede neno, que lle ilusionaba ser de maior?

—Xogador de baloncesto.

—E intentouno?

—Si. Xoguei, pero o talento non me deu para chegar a ser profesional.

—É máis impulsivo ou reflexivo?

—Aínda que algunha vez o fixen, non adoito entrar como un elefante nunha cacharreira. Teño un talante moderado. Iso non quita que non me equivoque. Non me custa pedir perdón.

Recibe cada tarde no teu correo a newsletter Elecciones 28M co adianto en exclusiva da enquisa de Sondaxe para La Voz e o resumo diario da campaña en Galicia. Se aínda non es subscriptor, subscríbete por só 2€/mes.