Que faría se fose alcaldesa | Loli Calvo, presidenta de Nós, as mulleres: «É fundamental un centro de día público para atender ás persoas maiores en Meis»
ELECCIONES 28M

Indice que urxe «reclamar ou apremiar a consellería para que remate as concentración parcelarias» dende o Concello
25 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Ademais de docente, Loli Calvo é presidenta de Nós, as mulleres, a Asociación Galega de Mulleres de Cooperativas Agrícolas. Cando se lle pregunta sobre qué medidas tomaría se fose alcaldesa, contesta entre risas: «A de non presentarme, que é a mais importante de todas». Pero, insistindo, aparecen algunhas ideas coas que o seu municipio, Meis, podería mellorar.
«Para min é fundamental un centro de día público para atender ás persoas maiores. É unha necesidade imperiosa que precisa o concello», comenta. Sabe do que fala: «Eu traballo fora e teño dous pais de 91 anos. Hai que facer malabarismos. Moitas veces non estás tranquila onde estás, porque non tes sempre a persoa que os poida vixiar. Así que, igual que son fundamentais as prazas de gardería para que a xente moza poda desenvolver tarefas fora do fogar e conciliar, o mesmo pasa coas persoas que se fan maiores e dependen de persoas que están traballando». ¿Onde se podería facer? «Hai localizacións estupendas para poder levalo a cabo».
Outro aspecto que considera urxente non é competencia municipal, pero considera que o concello debe «reclamar ou apremiar a consellería para que remate as concentración parcelarias». Calvo argumenta que uns dos motores económicos de Meis son «as plantacións de albariño Rías Baixas, un factor que xera moito diñeiro e que no noso concello está parado porque hai zonas que están afectadas pola parcelaria e non se leva a acabo».
Xunto a iso poría en marcha medidas de igualdade transversais. «Dende a linguaxe que se utiliza as actividades para os pequenos sen diferenza de xénero», pon como exemplo.