O alcaldable de Cervo e adestrador que vivirá o día de reflexión nunha fase de ascenso

Iván Díaz Rolle
Iván Rolle CERVO / LA VOZ

ELECCIONES 28M

Diego Fernández, adestrando durante un partido do Viveiro
Diego Fernández, adestrando durante un partido do Viveiro JAVIER FERREIRO

Diego Fernández é candidatodo BNG e técnico do Viveiro CF xuvenil. Tamén pai e sindicalista, sobrevive «durmindo pouco e con moito café»

26 may 2023 . Actualizado a las 22:07 h.

Diego Fernández Martínez (Lieiro, Cervo, 1987) vive unha semana de auténtica tolemia. É o adestrador do equipo de fútbol xuvenil do Viveiro CF, co que este sábado comezará a fase de ascenso á Liga Nacional, e un día despois agarda que os seus veciños voten por el para ser o vindeiro alcalde do Concello de Cervo. «Está sendo moi intenso, frenético. Pedín estes días no traballo e vouno levando durmindo pouco e tomando moito café», confesa este candidato do BNG.

Tamén presidente do comité de empresa de Cyrgasa e representante da plataforma de auxiliares de Alcoa, deu o salto á política no 2015, cando naceu o seu fillo Xavi: «Ao formar unha familia mentaliceime máis na falta de vivendas e servizos que hai en Cervo. Quero axudar as vindeiras xeracións e a actual para que non teñan que marchar do noso municipio. Teño a sorte de ter un grupo de amigos moi grande e a maioría teñen que vivir noutros concellos».

O deporte, especialmente o fútbol, forma parte da súa vida «dende neno» e, tras xogar en clubs como os locais SD Cervo-Sargadelos e o CD San Ciprián, fíxose adestrador. O pasado verán tomou o mando do equipo xuvenil do centenario Viveiro CF e, tras innumerables trocos para axustar horarios, hai dous meses que goza dunha quenda de traballo máis compatible. «Para viaxar as fins de semana tiña que pedir día e recuperalo entre semana, pero na empresa portáronse moi ben comigo e permitíronme cambiar a un horario máis fácil de cadrar. Agora traballo de seis da mañá á dúas do mediodía de luns a venres, tendo as tardes libres para os adestramentos e as fins de semana para os partidos», conta o técnico que guiou os viveirenses á quinta praza no grupo norte da Liga Galega xuvenil. O Boiro será o seu primeiro obstáculo na promoción de ascenso.

Con acta de concelleiro polo BNG desde o 2019, Diego recoñece manter unha vida moi atafegada que, ademais, se intensifica a poucos días das eleccións municipais do 28M: «Na política todo se intensifica estes días. Hai que patear moito as rúas, falar con moita xente e preparar moita documentación».

Dous equipos á vez

Entre as cousas comúns das súas ocupacións, destaca «os dous grandes equipos de traballo» que o acompañan. «No fútbol os rapaces teñen un grupo espectacular, moi unido. Todos son amigos e nos momentos duros apóianse. Ademais, no segundo adestrador, Ángel Maragoto, teño un confidente e apoio. Na política tamén fixemos un equipo impresionante, de xente nova, traballadora, honrada e honesta».

En apenas un mes quizais tamén estea en xogo outra final para Diego Fernández, aínda que esta vez será a pelota e non os votos dos seus veciños quen dite sentenza. «O obxectivo é desfrutar. Os rapaces merecen xogar estas eliminatorias de ascenso á Liga Nacional por todo o que traballaron e a gran tempada que fixeron», di o adestrador dun conxunto que conseguiu o pase á fase de ascenso nunha última xornada de infarto, na que gañou 1-4 ao Racing de Ferrol B e aproveitou unha derrota do Imperátor.