Elena Candia, candidata do PP de Lugo: «Pídolles aos lucenses que me dean unha oportunidade»

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

ELECCIONES 28M

Elena Candia xunto ao río Miño
Elena Candia xunto ao río Miño CEDIDA

A cabeza de lista do PP define anónimo: «Son as 400 persoas que están na lista de garda do SAF»

26 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A candidata do PP á Alcaldía de Lugo, Elena Candia, naceu en Mondoñedo en 1978. É licenciada en Dereito pola Universidade da Coruña e responsable dunha oficina de seguros. Concelleira en Mondoñedo desde o 2003 ata marzo deste ano, sendo alcaldesa entre o 2015 e o 2020. Foi presidenta da Deputación entre xuño e outubro do 2015 e na actualidade é vicepresidenta do Parlamento. A nivel orgánico é presidenta do PP provincial desde o 2016. Responde a un cuestionario sobre aspectos da campaña e persoais.

—Defina ruído electoral.

—O ruído electoral é falar do que non mellora a vida das persoas de Lugo. É o resultado da falta de ideas, de proxecto e de traballo, unha estratexia para tapar a incompetencia. O ruído electoral é suplir esta carencia con confrontacións coa Xunta ou con tentar desacreditarme.

—Sabe vostede que é un anónimo?

—Anónimos son, a ollos do goberno, os cidadáns preocupados pola agonía da súa cidade, dos seus negocios, dos seus proxectos de vida. Albaneis, arquitectos, fontaneiros, electricistas e traballadores de empresas… que acabaron no paro ou pechando os seus negocios tras anos de espera para darlles unha licenza municipal. Anónimos son os veciños e veciñas que non poden ir ao Concello cando lles fai falta un trámite e que teñen que agardar pola cita previa; ou as máis de 400 familias anónimas que están na lista de agarda do Servizo de Axuda no Fogar.

—Que é o Plan Paradai?

—Un proxecto que comezou hai 25 anos, con Francisco Cacharro coa finalidade de facer o desenvolvemento urbanístico da zona norte de Lugo e no que os gobernos do PP orzamentaron 14 millóns euros. A día de hoxe seguimos esperando que o goberno municipal poña os terreos municipais a disposición da Xunta. O meu compromiso é desbloquear este proxecto que leva décadas enquistado.

— Que medida do programa de Lara Méndez lle parece atinada e lle gustaría facer se é alcaldesa?

— Resúltame imposible analizar o programa de Méndez vendo a herdanza que nos deixa. Foron oito anos onde se gobernou con moita improvisación, desaproveitando fondos europeos que os destinou a proxectos que non teñen utilidade para a cidadanía.

— Ademais do Garañón, que outra cousa derrubaría?

—Todo canto investimento se fai na cidade sae do peto dos cidadáns. Non sae da hucha de Lara Méndez nin da de Arroxo. Polo tanto, eu non veño aquí desfacer ou destruír. Eu veño aquí para que os lucenses recuperen a súa cidade, teñan os servizos que lles fagan a vida máis fácil e poidan dicir que viven na mellor cidade do mundo. Dito isto, non vou consentir que as obras poñan en perigo á xente, ou lle fagan imposible a vida diaria. Non vou consentir carrís bici contra a xente, nin obras contra o medio ambiente. Non vou eliminar ás árbores para substituílas por explanadas de cemento. Non vou gobernar contra os cidadáns. Vou gobernar con eles e para eles.

—Foi ou irá a bañarse ás Caldas?

—Pois non. É unha mágoa que non se aproveitase este proxecto para situar a Lugo como cidade termal. Traballarei para que as caldas realmente o sexan. Emendarei o erro impulsando acordos co concesionario do Balneario para converter o entorno nun espazo de oportunidades onde as augas con propiedades mineromedicinais sexan protagonistas.

— Onde se vive mellor, en Mondoñedo ou en Lugo?

—Vívese ben nas cidades e nos pobos amables que teñan servizos e comodidades para facer a túa vida, mercar, ter momentos de lecer con programacións para todos e non só para uns poucos.

— Algunha vez un «gorrilla» pediulle cartos e que fixo?

— Claro, quen non viu esta escena? Quen non o recoñeza é que vive nunha realidade paralela. Temos mecanismos suficientes para solucionar este problema como son: impulsar unha ordenanza que dea ferramentas á policía local para poñer freo a estas extorsións a usuarios e persoal do HULA así como a instalación de cámaras de videovixilancia no leirapárking. Os servizos sociais deben ser parte da solución desta problemática. Hai que facer un seguimento das axudas e combater con oportunidades reais a aqueles que queiran integrarse.

—A que personalidade traería a Lugo?

—Pois mire, eu recibiría cos brazos abertos a todos cantos veñan a este municipio para sumar, pero teño intención de facer un esforzo para convencer de retornar a todas aquelas persoas mozas que tiveron que marchar de Lugo por falta de oportunidades. O plan Retorna Lugo será a plataforma que, dotándoa de orzamento e de estratexia, nos permita acadalo.

—Se volvera nacer....

—Se volvera a nacer, volvería apostar pola participación en política como unha maneira de comprometerme coa sociedade para intentar mellorala, sen perder a perspectiva, nin esquecer as miñas orixes. Interpretando a vocación de servizo público como o compromiso de axudar, facer o ben e aplicando a cada acción política os valores que me inculcaron na casa e que, coa miña formación e experiencia, fun consolidando. Son das persoas que antepoñen os intereses xerais aos persoais construíndo con xenerosidade e sen rancores equipos que cunha folla de ruta clara, con ilusión e boa fe, aporten todo o mellor de si para acadar ese obxectivo. Volvería ser a Elena Candia que lle pides aos lucenses unha oportunidade para que todos poidamos dicir coa cabeza alta: «Eu teño a sorte de vivir en Lugo».