Lara Méndez, candidata do PSOE á alcaldía de Lugo: «Estou na rúa todo o que podo, pero a cidade hai que xestionala tamén»

Pablo Carballo
Pablo Carballo LUGO / LA VOZ

ELECCIONES 28M

Pablo Carballo / Álex López-Benito

«Teño unha filla que demanda máis, e non teño todo o tempo que quixera con ela»

26 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

En xuño do 2015, tras a renuncia de Xosé López Orozco, Lara Méndez (Männedorf, Suíza, 1972) chegou á alcaldía de Lugo, que revalidou no 2019 e aspira a manter este vindeiro domingo.

—Vostede é filla da emigración.

—O meu bisavó xa marchara a Arxentina, e meus pais foron a Suíza. Nacín alí e vivín ata os catro anos. Miña nai traballaba nunha fábrica de alfombras, e meu pai comezou a traballar para outra persoa como pintor e acabou sendo autónomo. Eran persoas emprendedoras e decididas, ás que eu admiro moitísimo. Eu nunca volvín a Männedorf. Mirei polo Google e baixei e paseei virtualmente, tentando refrescar os lixeiros recordos que aínda teño. Pero, fisicamente, nunca volvín. Non sei se algún día. Meu pai é de Viveiro e a miña nai, de San Cibrao, en Cervo. Eles tampouco volveron falar daquela época. Foi unha etapa, pechouse, e empezou outra.

—En Cervo empezou precisamente vostede a súa carreira política.

—Cando volvín de Suíza, estiven interna en Ribadeo, nas monxas, durante sete anos. Acabei o bacharelato en Lugo e xa fixen aquí a carreira. Traballei en Santiago e en Ourense e retornei a Cervo. E comecei alí politicamente, si. Entrei nas Xuventudes Socialistas para botar unha man, porque acabaramos de perder a alcaldía. Sempre fun defensora das causas perdidas. Fun concelleira alí ata que, no 2007, entrei con José Ramón Gómez Besteiro na Deputación.

—Non é unha contradición tratar a Elena Candia, a súa rival no PP, que vén de Mondoñedo, como unha paracaidista cando vostede comezou en Cervo?

—Eu nunca dixen iso. Lucense é o que quere decidir vivir en Lugo, que é unha cidade acolledora. Nos anos cincuenta eramos 53.000 habitantes e estamos nos 98.000. Nutriuse principalmente da xente doutros concellos da provincia e inmigrantes, cos que me identifico pola miña condición. O que lle podo ter criticado é que ten descoñecemento do que é esta cidade, e iso non é unha crítica, é unha realidade. Cando queres cambiar algo, tes que coñecelo primeiro, non tocar de oídas. Primeiro decidiu ser a candidata e despois vir a Lugo, e está no seu dereito. Eu quero que veña máis xente, a ver se pasamos a barreira dos 100.000.

—Da crítica que lle fai a oposición, cando di que a vostede lle falta rúa e pasa moito tempo nos despachos, que pensa?

—Hai que conciliar as dúas cousas. Eu estou na rúa todo o que podo, pero hai que xestionar tamén; se non, non captariamos 44,5 millóns de euros e executariamos a práctica totalidade dos orzamentos, cando temos eivas de persoal na administración. Estou en contacto permanente coa veciñanza e as portas do meu despacho están sempre abertas.

—Con Rubén Arroxo, o candidato do BNG, canto hai que non senta a falar?

—Pois estiven con el o xoves pasado, despois da xunta de goberno. Temos unha relación cordial, reunións periódicas e un obxectivo común. Fixemos un acordo programático e executámolo case o 100 %, a pesar de ter unha pandemia no medio.

—Vostede ía para presidenta da Deputación cando acabou como alcaldesa.

—Esa era a folla de ruta. Levaba oito anos como vicepresidenta e Gómez Besteiro dera o salto á política autonómica. Eu tiña coñecemento da vida provincial e experiencia. O noso candidato en Lugo era Orozco, pero pediron a súa cabeza, e el decidiu dar un paso atrás que lle honra. Por iso cheguei eu.

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, pasea con su familia por el parque de Frigsa en Lugo
Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, pasea con su familia por el parque de Frigsa en Lugo Laura Campos

—A vida política deulle alegrías, pero tamén momentos difíciles. Hai case 15 anos estivo detida, acusada de algo do que saíu absolta.

—Algo que non cometín, e así o ratificaron non unha, senón dúas sentenzas, que tardaron cinco anos, nos que non se moveu un só papel do expediente. É unha experiencia moi ingrata. Cando hai indicios de que se cometeu algún delito, a xustiza ten que actuar. Pero demostráronse malas praxes. Pasou con Orozco, con Gómez Besteiro, co meu compañeiro en Ourense Paco Rodríguez... Moitas persoas vivimos situacións completamente inxustas, con malas artes. Un pode acabar no contencioso por un tema administrativo: levas moita documentación e pode pasar. Pero intentar ir pola vía penal, cando se sabe que non hai fundamento, só para gañar uns votos, marca quen é cadaquén. En política non todo pode valer.

—Recorda o calabozo?

—Si, estiven dez horas incomunicada. Vinme nun sitio de dous metros cadrados, sen reloxo. Non sabes se pasou un minuto, dez ou media hora. Pasan moitas cousas pola cabeza. Non sabes por que estás alí. Eu pensaba se metería a pata en algo, se me equivocaría. Pero dicíame que a consecuencia dese erro non podía ser verme no calabozo. Polo medio, sacáronme para ir facer un rexistro ás dependencias da deputación. Cando fixeron o rexistro e vin a documentación que pedían, polo que estaba alí, xa me dei conta de que non había nada. Está o dano que se lle fixo a Lugo, vendo como algunhas empresas logo non querían investir aquí. E non só sofre a persoa, tamén o teu ámbito familiar. Eu sufrín máis ese día polos meus pais, pensando en como ían encaixar a nova, de que xeito lles ían transmitir o que estaba pasando, que por min.

—Agora ten a perspectiva de nai.

—Teño unha nena de once anos, que agora demanda máis. É a parte que non se ve da dedicación á vida pública, pero sófrela. Eu gozo vendo como corre detrás da nosa cadela, charlando con ela, vendo unha película na casa ou tomando algo cuns amigos. E lamento non ter para ela todo o tempo que quixera. O meu marido axuda moito na conciliación.

—Pesa o teléfono?

—Usámolo en exceso. Amola, pero non che chegan as horas do día para contestar os wasaps. Coas redes sociais teño axuda.