Xusto Ordóñez: «O noso rural non é só asfalto, hai que dotalo de servizos»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

ELECCIONES 28M

CARMELA QUEIJEIRO

Despois de 12 anos, os nacionalistas, con ilusións renovadas e leccións aprendidas, cambian de líder no berce de Castelao

26 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Xusto Ordóñez ten por diante un reto complicado despois de coller o relevo de Adolfo Muíños como cabeza visible do BNG de Rianxo. El confía no traballo feito polo seu grupo nos 12 anos que levan no goberno e nun equipo moi renovado que conxuga mocidade e experiencia.

—É difícil ser o sucesor de Muíños?

—Adolfo é un alcalde carismático e unha persoa moi importante para nós que ademais foi moi útil para Rianxo, e agradezo á asemblea que confiara en min para seguir co proxecto do BNG. Fixemos unha candidatura nova, con mulleres e homes con moita ilusión, capacidade de traballo e moita implicación. Intentamos manter un equilibrio entre a incorporación de xente nova e a experiencia dos que estamos no goberno; sabemos xestionar

—Cre que pode pasar factura o desgaste de 12 anos de goberno?

—A nosa preocupación máis importante desde que chegamos ao goberno foi a solvencia económica. Hai 12 anos atopámonos cunha débeda de seis millóns e un Concello intervido, e a prioridade foi resolver esa situación para poder traballar. Sabemos que houbo erros, sabemos que é o que nos demandan os veciños e melloraremos. Pero a pesar dos erros fixéronse cousas importantes, o noso rural non é só asfalto, é dotalo de servizos. A xente pide que se arranxen as pistas, e eu intento explicar en cada reunión que ata o de agora a prioridade foi levar o saneamento a todos os núcleos, chegamos case ao 90 %. Non ten sentido asfaltar e logo ter que levantar para meter tubaxes do saneamento, agora que isto está feito é o momento de asfaltar.

—Cales son os proxectos de futuro?

—Conseguiuse a residencia de maiores, na que se levaba traballando moito tempo, e hai que sacala adiante, sen esquecer o centro de día, que é necesario e de xustiza. Tamén hai un proxecto para municipalizar a axuda no fogar, queremos continuar coa renovación de luminarias, crear unha comunidade enerxética, potenciar a praza de abastos, abrir as vivendas sociais e a Casa da Música e acabar o museo de Rafael Dieste.