Ricardo Suárez: «Hai que cambiar o modelo de urbanismo en Noia»

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

ELECCIONES 28M

marcos creo

O candidato do Bloque ten claro cara onde debe camiñar o futuro do municipio

26 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Na súa segunda participación nunhas municipais como cabeza de lista, o noiés Ricardo Suárez móstrase ilusionado e convencido de que o BNG acadará uns bos resultados.

—Como os recibiron os veciños durante a campaña?

—A simpatía e ilusión que vemos na xente é moi grande. A veciñanza achégase moito a nós, ao noso proxecto, e estamos convencidos de que imos ter un resultado moito mellor que hai catro anos e aspiramos a liderar o goberno de cambio en Noia.

—Hai diferenzas coa campaña de hai catro anos?

—Si, porque agora temos detrás catro anos de traballo, nos que desde un talante conciliador e construtivo conseguimos que se puxeran en marcha moitas actuacións que melloran a calidade de vida da veciñanza. Creo que é unha mostra de todo o que poderiamos facer se gobernáramos, e creo que a xente percibe isto.

—Cales deben ser as prioridades no novo mandato?

—Sobre todo hai que cambiar o modelo de urbanismo, ten que ser máis sostible, máis verde, accesible e que leve dinamismo ás rúas. Hai que recuperar espazos, con máis vías de preferencia peonil, e non só na vila, tamén en núcleos que están atravesados por estradas nas que mandan os coches. Un dos nosos grandes proxectos é abrir a Alameda ao mar, empezando por conectala co Campo da Feira dando prioridade aos peóns en Rosalía de Castro, e a reforma do paseo marítimo, converténdoo nun gran parque con árbores, creando un espazo de calidade. O medio ambiente, completando o saneamento, é outro dos eixos.