José Ramón Gómez Besteiro: «Eu teño as mans libres, e o que hai que traer son mans cheas para Galicia»
![César Rodríguez Pérez](https://img.lavdg.com/sc/OlABZWvtYyHfJkM75u67HuBpKmo=/75x75/perfiles/88/1465540567352_thumb.jpg)
ELECCIONES GALLEGAS 18F
Nos encontros cos subscritores de La Voz, o candidato socialista á Xunta di que se está a producir un «caldo de cambio político»
08 feb 2024 . Actualizado a las 22:56 h.José Ramón Gómez Besteiro, candidato do PSdeG a presidir a Xunta de Galicia, participou no terceiro dos encontros con subscritores que organiza La Voz de Galicia na campaña do 18F. Na cita, o aspirante socialista (Lugo, 1967) dixo que a segunda parte da carreira electoral «vai ter moita emoción», e non descartou «algunha sorpresa» no tramo final. Estas foron as súas respostas ás preguntas que lle fixeron.
—Os datos amosan que moitos votantes do PSOE nas xerais non votan ao partido nas autonómicas. A que se debe?
—Nesta campaña estou invitando a eses votantes a facer de novo o que pasou nas eleccións municipais e xerais, cando os prognósticos non eran moi favorables para os socialistas. Aí houbo un compromiso moi importante de parte da sociedade galega. Estamos mobilizando de novo ese compromiso. É a nosa ilusión.
—Intente convencerme con dúas ou tres razóns para volver a coller a papeleta do PSdeG.
—Voulle dar tres. A primeira, máis emprego. O noso proxecto pasa por recuperar catro puntos do peso industrial de Galicia no PIB, colocándonos na media española. Iso pode supoñer ata 40.000 empregos. A segunda, máis dereitos. Imos recuperar a forza da sanidade, da dependencia, da educación, dos servizos sociais e da igualdade. A terceira, imos recuperar a ambición de país. É o que falta agora. Nos últimos quince anos, que estivo gobernando o Partido Popular, houbo apatía, decrecemos pouco a pouco. Se temos moita menos poboación, se perdemos peso industrial ou se temos menos postos de traballo, é que algo se está facendo mal.
—Estes días volve Pedro Sánchez. Canto voto pode mobilizar?
—A solución de moitas cuestións importantes de Galicia xógase no escenario estatal. Como non vai estar o presidente do Goberno en Galicia comprometéndose cos nosos proxectos? Esa presenza a nós non nos limita, todo o contrario. Amplifica o noso proxecto.
—Ana Pontón dixo nestes mesmos encontros que quería ser unha presidenta coas mans libres. E vostede?
—Eu teño as mans libres tamén, pero máis que libres o que hai que traer son as mans cheas para Galicia. Iso require compromisos. Eu non estou en política só para reclamar, estou para conseguir. A eficacia de conseguir investimentos, proxectos, obras para Galicia equivale a capacidade de influencia. Fronte ás mans libres, eu quero as mans cheas. Iso implica compromisos. As cousas non acontecen por casualidade. Conseguimos máis os socialistas en tres meses ca Rueda en anos.
—Como pode explicar que o BNG medrase tanto e que o PSdeG perdese tanto terreo en Galicia?
—Hai oito meses, nas xerais do 23X, había enquisas que lle daban ao BNG grupo parlamentario. E ao PP, ata 180 deputados. A realidade non foi esa. Veremos o que din os cidadáns nas eleccións do 18 de febreiro. Creo que van optar por un cambio político liderado polos socialistas.
—Teño a sensación de que xa se resignou a ser terceira forza en Galicia. É así?
—Non sei de onde saca esa impresión. Estase a producir un caldo de cambio político. E a cidadanía tense que preguntar que cambio quere. Quere un cambio seguro ou incerteza? Quere un cambio solvente? Que quen o dirixa sexa capaz? Cando cheguen a esa cuestión, analizarán a experiencia, os equipos, se ten ou non ambición por cambiar e, por último, as mans cheas e a capacidade de traer proxectos.
«Imos construír dez mil vivendas públicas nos próximos catro anos en Galicia»
Parte das inquedanzas dos subscritores movéronse cara a cuestións concretas, relacionadas coa sanidade, a vivenda ou a dependencia.
—Que vai facer vostede coa vivenda pública?
—Cantas vivendas de promoción pública se fixeron cando gobernaba o PSdeG con Touriño? Entre o 2005 e o 2009, máis de dez mil . Cantas fixo o PP nestes últimos 15 anos? Cinco mil. Agora, que propón o Partido Popular? Din que en catro anos van construír 20.000. Non é crible. Nos si temos esa credibilidade. Xa o fixemos antes. Imos marcar o mesmo obxectivo: dez mil vivendas públicas, cada ano, 2.500. E pensamos en máis cousas. En rehabilitar vivendas, sobre todo en relación coa eficiencia enerxética e accesibilidade. Moito patrimonio inmobiliario en Galicia necesita ser recuperado, adaptado e rehabilitado.
—Como pensa minorar os tempos de agarda na valoración da dependencia?
—O gran problema dos servizos públicos nos últimos quince anos foi que non houbo unha planificación adecuada. No 2009, cando Feijoo dixo aquel lema de «faremos máis con menos», ao final non era verdade. Non había menos. E non se fixo máis. A dependencia, un piar do estado de benestar, nin se dotou de investimentos importantes nin se organizou adecuadamente. Cal é o prazo legal na dependencia? Seis meses. Non se poden dar resolucións de expedientes en tres ou catro anos. Desgraciadamente, hai xente que morre antes. Fan falta máis medios, máis organización e mellor planificación.
—Hai moitos galegos preocupados pola sanidade. Que ofrece vostede?
—Unha das medidas que levamos é a atención no médico de familia en menos de 48 horas. Todos recordamos cando chamabamos e nos atendían no mesmo día, ou ao seguinte. Que hai que facer? Ir en favor da atención primaria, a que máis sufriu nos últimos quince anos por falta de investimento, mala organización e pésima planificación. Necesitamos un plan de choque. Máis de 120 concellos non teñen atención pediátrica. Eses nenos sofren desigualdade. Hai que levar a saúde mental á primaria e abordar as condición laborais dos sanitarios para reducir a eventualidade. E adiantar os tempos dos diagnósticos.
![Besteiro, candidato do PSdeG, cos subscritores de La Voz no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre](https://img.lavdg.com/sc/ms7T3yoOQaN65ODSIl4OvCidpMM=/480x/2024/02/08/00121707427082158676903/Foto/j_20240208_175212000.jpg)
«Volvín á política para quedar»
Besteiro confirmou no encontro que Pedro Sánchez lle ofreceu un ministerio, pero non quixo desvelar cal. «Pregúntenlle ao presidente», dixo con retranca.
—De non acadar os seus obxectivos nestas eleccións, vai continuar en política?
—Vin para quedar. Esa é a miña intención. Rotundamente si.
—A súa imputación mandouno moito tempo lonxe da política. Pensa que os galegos se esqueceron de quen era Besteiro?
—Foron sete anos de silencio, fóra do ollo público. Espero que non sexan un atranco. Deume moita fortaleza saberme inocente. E non atopei rexeitamento social na rúa. Imos superalo con ambición, ilusión, seriedade e capacidade de traballo e de proxecto, de sumar xente nesa idea de cambiar Galicia para mellor.
—Cal é o compañeiro da política co que ten máis amizade?
—O meu secretario xeral, Valentín González Formoso. Temos unha relación extraordinaria, aínda que discutimos moito
—Por que estudou Dereito?
—Pensei en facer Xornalismo, pero dubidei entre Dereito ou Historia. O que estudei tivo un punto vocacional. Foi a decisión que tomei aos dezaoito anos. Nunca sabes se acertas de todo, pero o que non podes é mirar atrás.
—O último concerto ao que foi?
—Un das festas de San Froilán, o das Tanxugueiras.
—Diga un sitio para comer, pero non pode ser Lugo.
—En Galicia é fácil. Hai moitos sitios. Por exemplo, hoxe na Coruña comín moi ben. Aínda que non coma en Lugo, pero…