Alexandra Fernández: «Na campaña erramos ao traballar como unha suma de organizacións»

Juan María Capeáns Garrido
juan capeáns SANTIAGO / LA VOZ

ELECCIONES 2016

Álvaro Ballesteros

A parlamentaria di que «haberá que falar de novo» con Unidos Podemos sobre as condicións da coalición galega

29 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que a noite electoral as cámaras fixaron o obxectivo noutros protagonistas, a faciana de Alexandra Fernández (Vigo, 1988) era a viva imaxe da desolación. É a máis nova dos referentes de En Marea, e o domingo viviu en primeira liña unha gran decepción política pero tamén é optimista: «Son os nosos segundos mellores resultados», di con gañas de mirar cara adiante.

-As veces é bo ter algún pesimista arredor dun, ¿ninguén alertou da posibilidade de perder 67.000 votos?

-Todo o mundo meteuse na onda das boas expectativas. A lección é que temos que traballar máis e non pensar nas enquisas, sexan boas ou malas, porque a xente é o termómetro real. Hai que estar máis nas rúas e non só nas redes sociais. Estes son algúns dos erros, pero hai moitos máis factores.

-¿Eses erros son da campaña ou veñen de meses anteriores?

-Hai unha boa parte que ten que ver co traballo previo. A campaña é o último tirón, que non chegou por certo relaxamento. Todo eran ventos favorables, e o que tiñamos que facer e meter máis carne no asador. Somos moi novos e febles no sentido organizativo e na campaña erramos ao traballar máis como unha suma de organizacións, así que toca reflexionar e facer as cousas de xeito máis coordinado.

-Pois a sensación é que Anova, o seu partido, foi máis por libre que Esquerda Unida e Podemos.

-A campaña coordinouse entre os candidatos de xeito provincial. Ao mellor temos que pensar en darlle máis sentido unitario a En Marea e mellorar na axenda de proximidade. Que a xente vexa que estamos ao seu carón. Pero non só para a campaña, é importante tecer eses fíos para representar ben a xente no Congreso.

-Xosé Manuel Beiras estivo moi preto de vostede toda a campaña, ¿veo liderando a alternativa a Núñez Feijoo?

-En Marea ten que tratar de ensamblar moitas pezas para crear un proxecto político nun espazo que está en Galicia, e Beiras é un referente na creación de ese espazo ao longo da súa traxectoria. Sen dúbida terá que estar co resto dos compañeiros participando deste proxecto. Pero o principal agora é falar do programa para Galicia.

-¿Afectou que agromase na campaña a mala relación entre Beiras e Yolanda Díaz?

-Os maiores din que cando saen fendas hai que repisar as casas. É o normal nun proxecto recen nacido, isto ten que asentar, pero o certo é que os cimentos son sólidos e van servir para construír unha casa común.

-¿Que sentiu ao escoitar as súas verbas sobre deslealdade?

-Son diferenzas e tensión lóxicas en calquera organización. Están aí, non se poden negar, pero temos que mirar como conseguir superalas nun espazo común. O proxecto non vai chegar solo polo acordo de organizacións políticas, nós aspiramos a moito máis, a construír un espazo propiamente galego, cunhas dinámicas que parten de AGE e dos proxectos municipalistas, que son un exemplo de democracia e unidade de acción.

-Falando de AGE, a eurodeputada Lidia Senra di que Unidos Podemos é un proxecto españolista, ¿que opina?

-Non quero entrar no pensamento de cada un. Para nós son aliados no resto do estado, pero o noso proxecto está aquí. O proxecto en Galicia é En Marea, que é evidente que non é o mesmo que Unidos Podemos.

-Pincharon nas cidades «do cambio», pero os que os mandan ao terceiro posto son as provincias de Ourense e Lugo. ¿Por que?

-Nós tamén facemos autocrítica da nosa incapacidade para chegar a todos os puntos de Galicia e temos que mellorar eses mecanismos, ampliando a participación e o espazo político.

-O retroceso nos votos vai por barrios. ¿Afectarán os resultados por municipios na carreira dalgún candidato?

-En Marea non pode caer nun debate localista. Hai que construír un proxecto de país, plural e con moitas voces, porque temos moitos referentes e xente que traballa de xeito invisible.

-Algúns piden celeridade na elección, ¿que pensa vostede?

-Eu agardo que sexa canto antes, pero hai unha lóxica, primeiro é o proceso de unidade e despois a candidatura.

-Cambian os rivais, ¿mudará En Marea o seu discurso?

-Núñez Feijoo é un dos mellores aprendices das políticas de austeridade, a súa política está conectada con Rajoy. E co PSdeG penso que con Fernández Leiceaga podemos ter maior capacidade de entendemento e chegar a máis acordos.

-¿Seguirán coa teima da autodeterminación, que vai no seu programa?

-Pensamos que ten que haber unha reformulación do Estado, que está caduca.

-MIren ao BNG, ¿non lles da algunha pista?

-Hai outro modelo de Estado, e nós apostamos por máis dereito a decidir e por escoitar á cidadanía, hai moita xente que o está a pedir. Hai unha xeración como a miña que non puido decidir sobre isto e estamos nun momento histórico para volver a falar dun novo modelo político e social.

-¿Que papel terá En Marea no Congreso desta volta?

-Hai que ver como vai quedar a cuestión do grupo parlamentario, pero pinta mal.

-¿Seguirán baixo o paraugas de Podemos?

-Haberá que falar de novo e negociar as condicións, porque non son exactamente os mesmos resultados, e Unidos Podemos terá que ver que sucede con eles. Abriremos o diálogo co resto de compañeiros se hai bloqueo ao grupo parlamentario, pero o primeiro é ver que fai o PSOE, se atende a demanda de cambio.