O dirixente abandonará o timón da fronte o próximo día 17
02 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Despois de case catro anos ao fronte do Bloque, Guillerme Vázquez (Pontevedra, 1952) dirá adeus nun par de semanas. Marcha ao ensino, a súa profesión. E semella liberado despois dunha travesía moi accidentada.
-¿Que é o primeiro que diría a modo de despedida?
-En primeiro lugar, agradecer a tódolos compañeiros que depositaron en min esa confianza. E segundo, creo que tratei de contribuír a reorientar o BNG nas súas propostas en función da nova situación económica e social e dunha profunda crise institucional.
-¿Agardaba vostede unha singradura tan convulsa cando colleu o mando no 2009?
-Era perfectamente consciente. Viñamos dunha situación complicada, de perder a Xunta. E se comezaba a percibir un cambio de ciclo económico, aínda que non coa intensidade de hoxe.
-¿Pensa vostede que puido evitarse a fractura de Amio?
-As cousas son como son. E non acontecen porque si. Aquela asemblea, a décimo terceira, foi un proceso ultrademocrático. Despois do resultado houbo grupos e persoas que decidiron abandonar o Bloque. E o fixeron por ter propostas políticas e ideolóxicas diferentes. ¿Puido terse evitado? Non acerto a ver como.
-¿Non cre que a ruptura foi froito de moitas culpas repartidas?
-Endexamais sinalei a ninguén. Nin o farei. Non é o meu estilo. O tempo vai asentando as cousas no seu sitio. E nos permitirá con máis perspectiva histórica xulgar mellor o acontecido.
-¿É posible a reunificación do nacionalismo?
-O futuro é imprevisible. E non o podemos predeterminar. En calquera caso nós temos unha actitude positiva. E o temos expresado publicamente.
-¿A que se refire?
-A que estamos dispostos a colaborar e cooperar con todas as forzas nacionalistas para empezar a colocar no centro do debate o problema da soberanía. Este é un debate que está no mundo enteiro. E a partir de aí, como é lóxico na vida, haberá ou non coincidencias. Xa veremos que nos depara o futuro.
-¿Cre vostede que o BNG vai recuperar apoio social en Galicia pola vía do soberanismo, facendo fotos con Bildu?
-Nós somos conscientes do grao de conciencia nacional obxectiva que hai neste país.
-¿Entón?
-Xa, pero este é un debate que percorre o mundo enteiro: Escocia, Cataluña, Flandes. Non é un problema galego. Independentemente do grao de éxito electoral a curto e medio prazo, un debe propoñer as estratexias en función do que cre e do país que di amar. Podemos seguir polo camiño actual de esmagar os nosos intereses, de destruír o naval, o lácteo, deste capitalismo depredador e saqueador de vidas e facendas, ou dar a volta e ter capacidade para decidir.
-E nese desastre que pinta vostede, ¿como é posible entón que o PP gañe con maioría absoluta?
-¿E por que cre que Berlusconi case gaña en Italia? As reaccións sociais á hora de votar están condicionadas por moitos factores. Os cidadáns ás veces lle dan credibilidade aos seus propios verdugos. Pero iso non é unha novidade en Galicia. Pasa tamén no resto do mundo.
-¿Por que non hai un maior estoupido social?
-A xente está paralizada polo medo. Medo a perder o traballo, a perder salario... Pero a sociedade está xa nunha fase de non aceptación, de protesta. Vémolo tódolos días, coas preferentes, co naval.
-¿Imaxina vostede unha Galicia independente?
-Eu imaxino unha Galicia na que se poida vivir e traballar dignamente. Pero non me matarán nunca o soño de ver unha Galiza independente. Hai que soñar, ter capacidade de soñar para facer realidade o que un pensa. En calquera caso que sexa ou non independente o decidirán os galegos e galegas. Pero non hai que ter medo ás palabras.
-¿E pensa que sería viable Galicia como Estado independente?
-Fíxese vostede en tódolos procesos de independencia que houbo en Europa no último século. Realidades estatais novas. Ningún pobo se arrepentiu de ser Estado. A todos eles lles dixeron o mesmo: ¡A onde ides, que sodes pobres! Se somos tal carga que nos subvencionan, que nos deixen marchar tranquilos.
-¿Cre que resolve todo a soberanía?
-Evidentemente, non soluciona tódolos problemas que ten unha sociedade. Pero é evidente que sen ela non se resolve nada. Velaí están os resultados de Galicia e o que fai o PP, que ten a dependencia como norte de actuación política.