Máis que poeta

POR SIRO

FERROL

SIRO

18 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Melquiades de Castillo Elejabeytia era vasco, do pobo que lle deu o apelido e que hoxe se chama tamén Artea. Estivera en París aprendendo o oficio de sombrereiro e chegou a Ferrol, a comezos do XIX, para montar unha fábrica de chapeos, gorras e lepantos. Foille ben, fixo capital e casou cunha moza mugardesa, Vicenta Navarro, algo parenta de Godoy. Tiveron tres fillos: Melquiades, Dictinio e Wenceslao. Dictinio casou con Balbina Lacaci, da mesma familia do xeneral Guillermo Quintana Lacaci, asasinado por ETA, no 1984. Dictinio era xogador, acabou co capital, e o seu fillo, Dictinio II, extraordinariamente intelixente, moi dotado para as matemáticas e excelente pianista, que aprendera solfeo antes que o abecedario, fixo carreira militar. Quixera entrar en Mariña, pero no exame quedara en branco e ingresou en Infantería. Tal lle valeu, porque toda aquela promoción, que sería a súa, afogou ao se afundir o buque Reina Regente no Estreito de Xibraltar. Fillos seus foron Dictinio III, o poeta, e Dolores, que casou con Serafín Guerreiro, curmán de Andrés Guerreiro, o director de Bazán.

Dictinio e Dolores, moi distintos no carácter -toda sensatez ela, atolado e bohemio el- tiñan en común a cara de vascos. Dolores, tocándose o narís dicía con gracia: De los vascos heredamos lo peor. Dictinio destacaba, ademais, polo metro noventa e pico de estatura e o que en castelán se chama personalidad arrolladora. Alegre, infantil, falaba e ría todo o día, repentizaba ao piano xeitosas melodías, e entusiasmábase con todas as artes. Sen embargo estudiou Dereito en Compostela, opositou a Intendencia da Armada, e como oficial foi destinado a Cartagena, onde, ao se producir o Alzamento, foi preso e liberado pouco despois; o que lle valeu un xuízo dos vencedores e a saída da vida militar.

Foi unha experiencia traumática que tentou superar en Murcia, onde casou, se licenciou en Filosofía pura, deu clases de Filoloxía Galego-Portuguesa, colaborou nas máis importantes revistas de poesía, e traduciu a poetas estranxeiros. Participou na homenaxe que varios escritores adicaron a Miguel Hernández en Orihuela, pouco despois da súa morte; obtivo diversos premios literarios, entre eles o Adonais, no 1945; e cando parecía que conseguira refacer a súa vida, marchou, no 1953, coa muller e cos cinco fillos á República Federal Alemana, para ser lector de Español na Universidade de Würtzburg, onde impartiu lingua e literatura galego-portuguesa, e foi recoñecido como auténtico sabio polos colegas alemáns, abraiados ante aquel home que facía poesía, falaba sete idiomas, tocaba o piano, sabía de literatura, arte, historia, arqueoloxía, filosofía? Xubilado en 1983, volveu a Murcia e colaborou na revista Tránsito, con Guillén, Alberti, Carmen Conde e outros importantes poetas do momento. Morreu no 1987 en Alemania, cando visitaba aos fillos, mentres falaba, coma un paxariño. Ese mesmo ano Edicións do Castro publicaba o seu poemario en galego O espello das brétemas.

Dictinio tiña saudades de Galicia, de Ferrol, e quixo que os fillos coñecesen a súa terra, polo que cada verán viñeron desde Murcia e desde Alemania á casa da irmá, en Faxardo. Nunca perdeu o acento galego, e, por desexo seu, as súas cinzas están en Catabois; e tamén as da muller, que quixo ir con el.

siro@siroartista.com