Cando se falou de dedicarlle unha rúa a Miguel Loureiro, e soubo que a proposta xa estaba en marcha, el mesmo pediu que, por favor, se «parase todo iso» Igual que cando se lle fixo saber que se lle ía otorgar un dos grandes galardóns do deporte galego: daquela dixo que esas cousas, máis que para quen xa acadara o cumio da súa carreira deportiva, mellor estarían en mans de quen aínda tiña todo por diante. Home dun excepcional sentido do humor e dunha afabilidade infinita, ten, entre as súas máis grandes paixóns, a lectura.
-¿Que está lendo agora?
-Estou, máis que lendo, relendo. Concretamente a Castelao. Sempre en Galiza é un libro ao que sempre volvo, un libro que me fascina pola súa fondura e que sempre está comigo.
-¿Canto tempo hai que non colle un balón de baloncesto?
-Pois mira; pouquísimo. Horas. Teño un no garaxe.
-¿Cales son os recordos máis fermosos que garda da súa vida deportiva?
-Teño unha infinidade de grandes recordos. Resúltamen moi difícil escoller algún en concreto. Pero, como podes imaxinar, teño recordos marabillosos das vitorias sobre equipos como o Madrid ou o Barcelona. Como che dixen, a xogadores como Petrovic, como Corbalán ou como Brabender, pouco antes só os viamos por televisión.
-¿Que precisa un deportista para sacar o máximo rendimento das súas cualidades?
-Ter determinación. Hai que traballar cualidades físicas que son fundamentais, desde a forza e a velocidade ata a técnica individual, pero sobre todo non deixarse levar pola ansiedade. Non abonda con ser forte fisicamente. Tamén é imprescindible selo sicoloxicamente. Se iso falla, chegará un momento no que serás incapaz de dar o mellor de ti.