Jacobo Aboal, director de XERA: «Os propietarios forestais de Ferrolterra e Ortegal poderán vender o carbono que almacenan as súas árbores»

A. CUBA CERDIDO / LA VOZ

FERROL

CONCHI PAZ

O responsable da Axencia Galega da Industria Forestal falará este venres en Cerdido dos mercados de carbono e as oportunidades que abren

28 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Jacobo Aboal Viñas, compostelán nacido en Segovia hai 48 años, dirixe a Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), da Consellería de Medio Rural. Este enxeñeiro forestal e de montes falará das oportunidades do mercado de carbono para os propietarios forestais, este venres (19.00 horas), na Casa da Cultura da Barqueira, por iniciativa do colectivo de produtores de madeira de Cerdido.

—Comecemos por explicar que é o efecto invernadoiro.

—A Terra dispón, algo máis arriba da atmosfera, dunha capa formada de gases (vapor de auga, CO2, metano...), que é moi favorable, porque grazas a iso hai vida na Terra, xa que parte do calor que ten o planeta, cando quere saír fóra, esa capa captúrao e volve envialo á Terra. Sen ese efecto invernadoiro, en lugar de 20 ou 22 graos estariamos a 3 ou 4, e no inverno a menos 18. Pero parte dese calor sae da atmosfera, e se engrosas esa capa de xeito que non permitas que case nada de calor a traspase, volve á Terra e prodúcese o quecemento global.

—Que actividades son as que máis contribúen a iso?

—De forma probada, os sectores que máis contribúen divídense en tres grupos, ao 30 % (e o 10 % restante corresponde a varios). Os transportes, polos combustibles fósiles; as industrias en xeral; e a construción e a vivenda, o parque inmobiliario, polos materiais que usan e porque precisamos calefacción e aire acondicionado, e boa parte desas necesidades enerxéticas cóbrense con combustibles fósiles.

—Como reverter esta situación?

—A esas corporacións hai que pedirlles que reduzan no posible as emisións de CO2, e o que non poidan que o compensen, comprándolle a quen fai o contrario [...]. Para conseguir os obxectivos fixados pola UE, de reducir as emisións ao 55 % no 2030 (respecto de 1990) e a cero no 2050, nace algo que antes non tiña valor. Un propietario forestal planta, e aparte de madeira, resina ou cogomelos, as súas árbores están secuestrando ese CO2 dentro da madeira. Iso dálle unha significación maiúscula [...], pode vender ese carbono que está a absorber anualmente a súa árbore.

—E como se vende ese carbono?

—Hai un mercado regulado polos estados, obrigatorio, ao que non teñen acceso propietarios forestais e silvicultores. E outro, voluntario, onde poden ter unha oportunidade. A Xunta está traballando para dispor dun sistema propio (o estatal céntrase nas repoboacións de zonas queimadas), que incentive a xestión forestal sustentable activa, a diversificación, para que parte dos produtos que obteñen (neste caso) os produtores de Ferrolterra ou Ortegal ao cortar a madeira (de eucalipto) sexan de longa vida, coma unha viga (que non todo vaia a pasta de papel). Iso é o que van poder poñer a disposición das empresas que queiran comprarlles o carbono.