Lil Kids, as gañadoras de Got Talent de Narón, lanzan a mellor mensaxe de amor a Galicia: «Tradicional e moderna»
FERROL
O grupo de baile da academia Paso a Paso rodou durante dous días este vídeo en Mugardos que se publica polo 25 de xullo
25 jul 2024 . Actualizado a las 18:31 h.Co espíritu mariñeiro de Mugardos, nunha clara fusión de tradición e modernidade, as Lil Kids lanzaron hoxe a súa especial homenaxe polo Día de Galicia. Nun vídeo rodado por Cris Otero Maceiras, o grupo de baile da escola Paso a Paso de Narón escenificou a coreografía coa que pasou ás semifinais de Got Talent (concurso de Telecinco que as bailarinas naronesas gañaron o pasado ano). Durante a Semana Santa, rodaron dous días en Mugardos «para seguir sumando recordos a unha lista infinita», indica Patry Maceiras. E amosan unha Galicia «tradicional e moderna».
Patry montou esta coreo xunto coa súa irmá Pau (as dúas artífices de Paso a Paso) e a profesora Tati Díaz, para a semifinal de Got Talent. A rodaxe correu a cargo de Cris Otero Maceiras, durante dous días chuviosos de Semana Santa en Mugardos. O vídeo foi colgado hoxe en Youtube como «felicitación e homenaxe ao Día de Galicia», e en catro horas levaba 1.700 reproduccións.
Segundo Patricia Maceiras, «seguimos amosando ese toque de tradicional con moderno, con outfits onde se ven as redeiras, as pescadoras ou os mandilóns das nosas avoas xunto con teléfonos móbiles de última tecnoloxía ou as uñas longas e de cores». Tamén aparecen «gafas de sol cos impermeables de pescadores, ou as zapatillas de cores nos peregrinos que fan o Camiño de Santiago». Todo feito para ter «un novo recordo e con moito amor».