Os concellos do Camiño do Bispo constituirán unha agrupación de municipios para impulsar un territorio que vertebra o Norte galego: «Será un factor de desenvolvemento», di Valentín González Formoso
![Ramón Loureiro Calvo](https://img.lavdg.com/sc/0KYMddpOmJwV2tsk5fqkVz4Lu3Q=/75x75/perfiles/39/1622585681280_thumb.jpg)
FERROL
![Reunión, na Casa Consistorial das Pontes, de representantes de concellos polos que pasa o Camiño do Bispo.](https://img.lavdg.com/sc/o-gKQO5q_4aLfNC0PTKABT9jv8o=/480x/2025/02/04/00121738703762217238316/Foto/f_20250204_214255000.jpg)
Representantes dos municipios de Mondoñedo, Abadín, Muras, Xermade, As Pontes, San Sadurniño e Neda, reunidos na casa consistorial pontesa, acordaron iniciar o proceso para fixar o trazado e convidar a sumarse á súa iniciativa a Vilalba e As Somozas
04 feb 2025 . Actualizado a las 23:38 h.O Camiño do Bispo, a vella ruta que une Mondoñedo co mar de Ferrol, e que enlaza, en San Nicolás de Neda, co Camiño Inglés e co Camiño de San Andrés de Teixido, xa é, desde esta noite, moito máis que saudade, paixón polo patrimonio cultural e literatura. Representantes dos municipios de Mondoñedo, Abadín, Muras, Xermade, As Pontes de García Rodríguez, San Sadurniño e Neda, reunidos na casa consistorial pontesa, acordaron esta noite iniciar o proceso para fixar o trazado. E, ademais, decidiron convidar a sumarse á súa iniciativa aos municipios de Vilalba e As Somozas, polos que tamén pasan pequenos tramos da ruta. «O Camiño do Bispo será un factor de desenvolvemento», di o alcalde pontés e presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso, convencido de que apostar polo turismo de calidade e pola cultura permite abrirlle novas portas do futuro a un territorio moi amplo: ás terras que vertebran o Norte galego.
González Formoso lembra, ademais, que o Camiño do Bispo conecta territorios dun extraordinario valor paisaxístico, medioambiental, histórico e etnográfico. E anuncia que os concellos reunidos hoxe nas Pontes manterán un nuevo encontro o día 24, neste caso en Abadín, para seguir avanzando na búsqueda de fórmulas para impulsar este proxecto.
O alcalde de Neda, Ángel Alvariño, apunta, pola súa parte, que o Camiño do Bispo tamén é, en última instancia, unha reivindicación da Galicia do Norte, unha Galicia que peregrina tanto a San Andrés de Teixido, Cabo do Mundo, como a Santiago de Compostela. E móstrase convencido, igual que González Formoso, de que a ruta recén recuperada vaille dan un novo impulso a un territorio que posúe un patrimonio cultural inmenso.
![Sepulcro do Cabaleiro Esquío en Neda](https://img.lavdg.com/sc/8Sw2mxFHT5h_v-8UWGbHwfc5jik=/480x/2025/02/04/00121738703761955175624/Foto/F08M1048.jpg)
Para sinalizar a ruta, en canto esta estea fixada definitivamente, colocaranse elementos de sinalización inspirados, directamente, na forma dun báculo. Un báculo episcopal que sinalizará a senda que atravesa esta Galicia do Norte nosa, que é coma unha Última Bretaña toda ela: o territorio cristianizado polos navegantes britanos que, con bispos coma Mailoc á fronte deles, chegaron desde as Illas Británicas, entre os séculos V e VI, fuxindo das persecucións dos saxóns. Un territorio, en fin, ao que lle regalaron a eternidade escritores coma o poeta Esquío, Álvaro Cunqueiro, Aquilino Iglesia Alvariño, Noriega Varela, Manuel María e Xosé Crecente Vega.