O Festival de Ortigueira impulsa o Laboratorio de Cantigas Novas, con Ugía Pedreira e Óscar Gorriz

LA VOZ ORTIGUEIRA

FERROL

Uxía Senlle, Ugía Pedreira e Óscar Gorriz actuaron ao remate da presentación
Uxía Senlle, Ugía Pedreira e Óscar Gorriz actuaron ao remate da presentación CEDIDA

A iniciativa que se presentou onte en Santiago desenvolverase entre marzo e xullo, e a inscrición está aberta ata o 28 de febreiro

15 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A área de formación do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira suma un novo proxecto, o Laboratorio de Cantigas Novas (LCN), unha iniciativa que se desenvolverá de marzo a xullo, unha vez cada dous sábados, nas instalacións da Escola de Gaitas. Ugía Pedreira, que co-dirixe o LCN xunto a Óscar Gorriz, definiuno así na presentación, onte no Museo do Pobo Galego: «Un espazo para a exploración, para a experimentación, onde gozar e aprender do proceso creativo e ir a un fin común: a creación de novas cancións. Nesta liña imos da autoría persoal á compartida, ao grupo».

Presentación do Laboratorio de Cantigas Novas, onte no Museo do Pobo Galego
Presentación do Laboratorio de Cantigas Novas, onte no Museo do Pobo Galego

O custe é de 200 euros e está aberto a calquera persoa interesada na creación, a composición ou a interpretación da lírica popular galega, indican desde o Concello, organizador do Festival de Ortigueira. O prazo de inscrición está aberto ata o 24 de febreiro, no correo lab@festivaldeortigueira.com. Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, agradeceu este novo espazo: «A periferia ten unha riqueza da que non sempre nos decatamos».

O alcalde, Valentín Calvín, vinculou o LCN co 50 aniversario da Escola de Gaitas de Ortigueira. No acto do Museo do Pobo Galego tamén participaron José López, conselleiro de Cultura; Xosé Merelles, presidente da Axencia Galega de Turismo; e María Concepción Losada, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego. Como peche, Ugía Pedreira, Uxía Senlle e Óscar Gorriz interpretaron unha peza musical.