O colexio da Solaina chama ás familias a matricularse e prepara o Entroido

La Voz NARÓN / LA VOZ

FERROL

Instalacións do colexio A Solaina, en Narón.
Instalacións do colexio A Solaina, en Narón. Cedida

Terá xornada de portas abertas o luns pola tarde e o xoves pola mañá, e un desfile de disfraces o día 28 sobre as Letras Galegas

21 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Co obxectivo de lograr un incremento da matrícula no vindeiro curso, o colexio da Solaina (Narón) chama ás familias a coñecer as súas instalacións nas xornadas de portas abertas dos vindeiros luns e xoves. E como exemplo das súas actividades, celebrará o venres 28 un gran desfile de Entroido: «Están invitados tanto a comunidade educativa como todos os veciños do barrio de Santa Icía, nun evento adicado ás Letras Galegas».

O percorrido iniciarase ás 10.00 da mañá, «onde os alumnos amosarán a súa creatividade con disfraces inspirados na cultura tradicional galega e na actual, para celebrar as nosas raíces e fomentar o amor pola nosa música», segundo indica o CEIP A Solaina.

En canto ás xornadas de portas abertas, serán o luns pola tarde a partir das 16.00 horas e o xoves pola mañá a partir das 09.10. O centro educativo ten servizos de comedor e madrugadores. E invita a «veciños e familias para coñecer a nosa ampla oferta, onde ofrecemos un ambiente acolledor e comprometido coa excelencia académica e o desenvolvemento integral dos alumnos». O CEIP A Solaina súmase así ás portas abertas doutros centros como o CRA de Narón, para aumentar alumnos.