Ferrol, unha primavera para devoradores de letras: «Porque hai un libro que sempre agarda por alguén»

Patricia Hermida Torrente
P. Hermida FERROL / LA VOZ

FERROL

Visitantes na Feira do Libro de Ferrol.
Visitantes na Feira do Libro de Ferrol. CESAR TOIMIL

A Feira do Libro, a primeira de Galicia, inaugúrase no Cantón; onde celebrará tres días de presentacións, sinaturas e actividades infantís

25 abr 2025 . Actualizado a las 13:50 h.

Coa chegada da primavera, asoman tamén os libros como froitos da sabiduría nas feiras que percorrerán Galicia. A primeira delas acaba de inaugurarse este mediodía en Ferrol, onde durante tres días os devoradores de letras poderán gozar de presentacións de novidades, sinaturas dos seus autores favoritos e actividades infantís. Porque como se dixo na presentación, «sempre hai un libro que agarda por alguén».

Máis público na Feira do Libro de Ferrol.
Máis público na Feira do Libro de Ferrol. CESAR TOIMIL

O pregón correu a cargo da historiadora e escritora Anabel Bello Platas, que recordou como «as historias atrapáronme desde nena coa sorte de nacer na zona rural, onde te transportas ao pasado». Coas tradicións orais, cantigas e refráns que lle contaban na súa familia, «encantábame primeiro escoitalas e co tempo plasmalas por escritos». E apuntou que «unha das miñas actividades favoritas era ir co avó Jesús ao Campo dos Mouros (castro de Vilasanche), mentras el me falaba de se era tempo de patacas ou cebolos... e se escoitaba ruxir o mar de Doniños que anunciaba auga nos camiños».

Á cita, organizada pola Federación de Librarías de Galicia (co apoio de Xunta, Concello e Deputación), acudiu o director xeral de Cultura. Anxo M. Lorenzo destacou que «temos 13 feiras cada ano en Galicia e 70 días de celebración, polos que pasan ducias de miles de persoas nun punto de encontro de lectores e tamén de negocio».

E a deputada Cristina García Rey (Deputación da Coruña) destacou como «estes días florecen os libros nun encontro da cultura». Tamén participaron na inauguración representantes do Concello como Javier Díaz, primeiro teniente de alcalde, e José Antonio Ponte Far, concelleiro de Cultura. Nesta Feira do Libro no Cantón hai casetas de oito librarías e dúas editoriais.