A asociación de veciños de Esmelle organiza o vindeiro sábado unha Prefesta de San Xoán 2025 que mestura deporte, gastronomía e música coa vontade de colaborar nun proxecto solidario internacional.
A xornada arrincará ás dez da mañá cunha andaina Solidaria e continuará ás once coa Ruta BTT Solidaria, ambas cun prezo simbólico de participación de dous euros. Os fondos recadados destinaranse ao programa O Milagro de Ver, que traballa pola mellora da saúde ocular e visual en zonas rurais de Senegal e pola formación de persoal sanitario local. Este proxecto conta coa participación activa de profesionais do área sanitaria de Ferrol e do Instituto de Cirugía Ocular de Galicia, que cada ano colaboran no terreo para atender a preto de 4.000 persoas en situación de extrema pobreza.
A partir das 13.30 horas comezará a parte máis lúdica da xornada cunha sesión vermú amenizada por ALEX, seguida ás 14.15 horas pola presentación oficial do cartel das Festas de San Xoán 2025. Ás 14.30 celebrarase unha comida popular cun completo menú por 25 euros para adultos e 12 euros para nenos/.
A música continuará durante a tarde e noite coa actuación da Banda Terra de Trasancos, a degustación da xa famosa tortilla XL ás 20.30 horas, e unha verbena con ALEX a partir das 21.30 h. Tamén haberá inchables para os máis pequenos e un sorteo de agasallos. As inscricións para as rutas e reservas para a comida están abertas ata o 26 de maio, a través do WhatsApp 604 194 949 ou na cantina do local social de Esmelle.
Esta Prefesta está organizada pola Comisión de Festas e a Asociación de Veciños de Esmelle, coa colaboración de BTT Esmelle.