Galaxia, cos ollos na eternidade: Afundación acolle en Ferrol unha mostra conmemorativa dos 75 anos da editorial

FERROL

A exposición, unha verdadeira homenaxe á cultura de todo un país, permanecerá na cidade ata finais do presente mes de xullo
06 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A sede ferrolá de Afundación (na Praza da Constitución, no Cantón de Molins...) acolle desde o xoves a mostra itinerante Crear porvir. 75 aniversario [da] Editorial Galaxia. Unha mostra, comisariada polo actual presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, por Dolores Vilavedra e por Xosé Manuel Dasilva, que permanecerá en Ferrol ata o día 30 do presente mes de xullo. Unha exposición, en síntese, que convida ao espectador a camiñar pola historia de Galaxia coma quen se adentra nun libro: no inmenso e impagable libro da recuperación da cultura dun país feito, esencialmente, de palabras. Un libro colectivo que é unha porta aberta á eternidade.
É imposible achegarse á exposición sen emocionarse un pouco —ou máis que un pouco— lembrando a inmensa figura de Ramón Piñeiro e de todos cantos, a carón del, fixeron de Galaxia (en tempos nos que tanta falta facía un pouco de luz, pero a luz xamais daba chegado) un colosal logro cultural, un feito verdadeiramente extraordinario.
A grandeza de Casares
E falando de Piñeiro, como non nos lembrar, coa mesma emoción, mentres percorremos a exposición instalada na sede ferrolá de Afundación, do gran Carlos Casares...?
Casares, que tivo en Piñeiro un verdadeiro mestre —como el mesmo recoñeceu sempre—, foi, ademais dun formidable escritor, quen estivo á fronte da editorial Galaxia, e de todo canto Galaxia representaba, á hora adentrarse con ela, con paso firme, nos territorios da modernidade. Galixia é moito máis que unha editorial: é unha maneira de contemplar o mundo, e aínda se diría que de camiñar por el mantendo o paso firme fronte a toda clase de adversidades, avanzando sempre con esperanza. É o espello dese país de palabras que lle deu á cultura europea escritores como Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole, Luz Pozo Garza, Ramón Otero Pedrayo, Darío Xohán Cabana, Eduardo Blanco Amor e tantos e tantos outros (entre eles, o propio Carlos Casares); unha illa en terra na que se dan a man, ao mesmo tempo que o mar e o ceo, a memoria, o futuro... e os soños.
O lugar da exposición: Na sede ferrolá de Afundación, no Cantón de Molins.
Permanencia na cidade: Ata o día 30 de xullo.
Horario de visitas: De luns a venres, de 10 a 14 horas e de 17 a 20 horas; e os sábados, en horario de 11 a 14 e de 17 a 19 horas. Entrada gratuíta.