
Mañá, sábado día 12 dará comezo a festividade
11 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Mugardos acolle un ano máis a súa festa gastronómica por excelencia: a Festa do Polbo. A vila celebrará o sábado día 12 a 33ª edición desta festividade emblemática. Segundo Begoña Gómez, concelleira de Cultura e Turismo de Mugardos, este ano cóntase con arredor 1.900 quilos de polbo, que se traducirán en 3.000 tiques á venda.
A ración de polbo custará 14 euros e incluirá cachelos, pan, bebida e un prato de cerámica que se poderá levar á casa. A ración de empanada valerá 4 euros. O Concello habilitará unhas franxas horarias de 60 minutos co obxectivo de evitar os amoreamentos, sendo a primeira ás 12.00 h e a última ás 17.00 horas. Para todo aquel interesado en desfrutar da festa, as entradas estarán dispoñibles a partir de hoxe día 11 na Oficina de Turismo, no peirao de Mugardos, de 18.00 h a 2100 horas. A venda continuará o propio día da festa de 10.00 h a 17.00 h, tamén na Oficina de Turismo. No que se refire ao programa musical, este dará comezo ás 13.30 horas da man da batucada Trópico de Grelos. Tomarán o relevo da festa ás 18.30 horas a agrupación Kilomberos, e ás 23 iniciarase a verbena a cargo de Unión y Fuerza e DJ Dani, que darán o remate final á festa.
Reforzos policiais e un código QR para aparcar
Coa finalidade de garantir a seguridade e a organización en todo momento, o Concello de Mugardos disporá reforzos tanto de policía local coma de Protección Civil, así como de aparcacoches para axilizar o proceso de entrada dos asistentes á festa.
Ademais, como explica a concelleira Begoña Gómez, levarase a cabo unha nova iniciativa por parte do Concello: difundirase polas redes sociais e pola páxina web de Mugardos un código QR para atopar o camiño cara os distintos aparcadoiros.
Esta novidade está dirixida especialmente cara os visitantes foráneos que non están familiarizados coa xeografía da vila mais si desexan asistir á festividade gastronómica, asegurando así o desfrute de todos os concorrentes.