A recoñecida oboísta Iria Folgado actuará no seu San Sadurniño natal polo Día de Galicia
FERROL

Animada por unha mestra entrou con nove anos no conservatorio, aos 18 marchou a formarse a Alemania, e en 2020 gañou unha praza na Konzerthaus Orchester de Berlín
23 jul 2025 . Actualizado a las 13:29 h.Entre os concertos máis agardados da tempada en San Sadurniño, destaca o da veciña Iria Folgado Dopico. Cunha carreira prodixiosa como oboísta, presentará aquí este venres polo Día de Galicia o seu primeiro disco Ecos de Breogán. O concerto será no patio interior do Concello ás 12.00 horas. E segundo indican desde a organización, «este traballo é unha travesía polo repertorio de música de cámara para óboe composto nas illas británicas no primeiro terzo do século XX por Benjamin Britten, Ralph Vaughan Williams, Arnold Bax e a compositora Elizabeth Maconchy, xunto á creación contemporánea do galego Fernando Buide del Real».
Iria Folgado inicia así a súa xira Ecos Tour, que a levará por toda Galicia e España. Lidera unha formación de cámara integrada polas violinistas Raquel Areal e Sara Areal, coa viola de Héctor Cámara e o violonchelo de Iago Domínguez, «con vento e cordas que nos traen ecos melódicos do norte».
Nacida en 1996, filla de Pilar e Pascual (que comandan o supermercado Outeiro), foi animada por unha mestra para entrar no Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol. E alí xa conectou co óboe, marchándose aos 18 anos a formarse a Alemania, e gañando en 2020 unha praza na Konzerthaus Orchester de Berlín.
Ademais logrou premios como +Músicas á mellor gravación de música clásica ou o Talento Mozo Galicia. O traballo Ecos de Breogán xestouse na residencia entre 2021 e 2023 no festival Música no Claustro. E segundo a revista Melómano trátase de «música evocadora, para quen desexe atopar uns momentos de introspección e ensoñación».