O Concello de Ares organiza unha viaxe ao San Froilán

La Voz FERROL

FERROL

LAURA LEIRAS

Fletará un autobús o 10 de outubro para desprazarse a Lugo e participar nas súas festas

14 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Co obxectivo de facilitar o desprazamento e que a veciñanza poida gozar dunha das festas máis emblemáticas de Galicia, o Concello de Ares volverá fletar un autobús para visitar o San Froilán 2025, declarado Festa de Interese Turístico Nacional e que se celebra entre o 4 e o 12 de outubro.

A saída prográmase para o venres, 10 de outubro, cun itinerario que permitirá desfrutar durante toda a xornada da ampla oferta gastronómica, cultural e lúdica da cidade luguesa: dende os concertos e espectáculos ata o tradicional mercado de artesanía galega ou os pratos típicos das casetas do recinto feiral.

O autobús partirá da Porta do Sol ás 10 horas e o regreso dende Lugo realizarase arredor das 21 horas. O prezo é de 12 euros por persoa, cubrindo unicamente o transporte de ida e volta á urbe lucense. As inscricións abriranse dende mañá, 15 de setembro, ao 7 de outubro, formalizándose presencialmente no Departamento de Servizos Sociais do Concello.