O concerto será o inicio da celebración do 31 en San Mateo
26 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Para celebrar o Samaín durante o vindeiro 31 de outubro, o Concello de Narón organiza unha completa programación en San Mateo encabezada por Uxía Lambona e a Banda Molona. Ese concerto iniciarase ás 19.00 horas, e ás 20.00 partirá do local social a Comitiva de Luces e Tebras: un percorrido terrorífico dun quilómetro e medio polas inmediacións do centro cívico (onde se celebrarán os actos).
A presentación correu a cargo este venres da alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, con Santiago Segade da agrupación veciñal San Mateo de Trasancos. Xa a partir das 17.00 horas haberá unha exposición de cabazas realizadas con alumnado de terceiro e cuarto de Primaria de centros escolares (nun obradoiro do Padroado da Cultura), e iniciaranse os talleres de cabazas e maquillaxes.
Despois da Comitiva de Luces e Tebras, ás 20.30 horas farase o Obradoiro do Medo para menores ata doce anos na escola de San Mateo. A amenización nocturna correrá a cargo do Grupo de Gaitas do Padroado da Cultura, cuxa actuación comezará ás 21.00 horas. Non faltarán o afamado caldo e os liscos que prepararán representantes da asociación veciñal e que se servirán ás persoas que desexen degustalos a un prezo simbólico de 2,5 euros. Os tickets poderán adquirirse na zona da carpa.